Nava Castro, directora xeral de Turismo: "Non existe masificación na actividade turística galega"

A responsábel de Turismo da Xunta da Galiza, Nava Castro. (Foto: Arxina)
A responsábel de Turismo da Xunta, Nava Castro, amósase optimista cos datos de visitantes deste 2022. En conversa con Nós Diario evita as críticas destes días pola concentración na etapa final do Camiño de Santiago por cosideralo "un feito puntual". Por este motivo, di non estar a traballar para implantar unha taxa turística na Galiza.

—Como valora a resposta do turismo internacional a nivel galego co remate das restricións?
A Galiza rexistrou en xuño máis de 481.000 visitantes en estabelecementos hoteleiros con 893.000 noites, unha cifra histórica nese mes. Supera, daquela, os valores de 2019, cando había 870.000 noites, e mesmo os do Xacobeo 2010, cando foron 790.000 noites. A ocupación hoteleira en xuño supera en máis dun 70% os datos de 2021 o que supón que, por vez primeira desde o inicio da crise, a demanda en hoteis galegos supere o nivel de 2019, nun 4,9% a cifra de viaxeiras e viaxeiros aloxados e nun 2,7% o volume de noites.

A Galiza tivo unha notábel capacidade de recuperación nestes  seis meses coa segunda cifra máis elevada da serie histórica. Ademais, supera en máis de 1,9 millóns de noites a cifra de 2021 e un 26% foron visitantes estranxeiros.

—Fálase os últimos días de masificación, sobre todo en Santiago. Cre que existe nestas datas? 
Compartimos os resultados de estudos que teñen analizado o comportamento  do turismo neste eido que indican que non existe masificación no relativo á actividade turística na Galiza. Existe concentración de visitantes puntuais nos mesmos lugares nalgúns momentos da tempada alta mais adoitan xestionarse de modo eficaz.

Se hai momentos puntuais en que moita xente coincida nun punto, como pode acontecer nos días máis grandes de celebración deste Ano Santo, temos en marcha ferramentas de big data para mellorar estes fluxos, como as que vimos de pór en marcha en colaboración con Turismo de Santiago para informar dos tempos de agarda para o paso pola Porta Santa, por exemplo. 

—Pode coexistir o turismo de masas e a sustentabilidade?
Non é unha formulación que se considere para o noso destino turístico. Os obxectivos marcados son medrar nunha oferta turística de calidade, diferenciada, moderna e adaptada ás necesidades da viaxeira ou do viaxeiro. O noso modelo turístico encaixa precisamente no que se busca agora, destinos turísticos auténticos, en contacto coa natureza e cos recursos turísticos, con proximidade ao local e a experiencias auténticas, polo que non camiñamos cara a un turismo de masas. 

—Coincide co presidente da Xunta en que o "turismo masivo" non prexudica?
O presidente da Xunta non fala de turismo masivo, posto que non é un fenómeno que se dea no noso territorio, que se identifica claramente cun modelo de turismo tranquilo, non masificado e de calidade, tal e como se recolle na folla de ruta que estamos a seguir para a recuperación do sector turístico tras a pandemia, o Plan director Galiza Destino Seguro.

Neste plan director recóllense os piares sobre os que se sustenta esta recuperación e a sostibilidade é un dos catro fundamentais, que ten como horizonte a recuperación das viaxeiras e dos viaxeiros de 2019, algo máis de 5 millóns. Os aloxamentos turísticos teñen unha ocupación media dun 40%, o que nos dá unha importante marxe de mellora e de crecemento do tecido turístico galego. 

—Que opinión lle merece a taxa turística? O Observatorio turístico, asociacións xacobeas e a hostalaría piden aplicar límites, tal e como acontece en lugares como as Illas Cíes.
No noso destino non se está aplicando ninguna taxa turística. No que levamos moito tempo traballando, no marco da nosa aposta por un turismo sostíbel, é na xestión e control dos fluxos turísticos. Isto levounos á limitación de acceso a recursos turísticos con gran demanda mais que temos a obriga de conservar para as xeracións futuras.

Neste sentido tamén traballamos para o conxunto do destino turístico, tamén no caso do Camiño de Santiago, promovendo outras rutas alternativas ao Camiño Francés, o que nos permite que a riqueza e desenvolvemento socioeconómico poida estenderse a outros territorios, especialmente do rural galego, axudándonos a combater desta maneira o despoboamento do rural.