A hostalaría compostelá recea da masificación: "Non toda vive do turismo"

A cantidade de peregrinas e peregrinos que estes días coincidiron en Compostela non tiveron unha repercusión especial na hostalaría da cidade máis alá dos arredores da Catedral de Santiago. Pola contra, demandan "desconsestionar" a zona e que haxa "máis civismo".
As terrazas de Compostela nos arredores da Catedral presentan unha boa ocupación estes días de agosto (Foto: Arxina).
photo_camera As terrazas de Compostela nos arredores da Catedral presentan unha boa ocupación estes días de agosto (Foto: Arxina).

A hostalaría galega está a vivir un verán de recuperación da normalidade sen as restricións propias da pandemia da Covid-19. Tamén volven as peregrinas e os peregrinos e este sector é un dos máis beneficiados, nun principio, pola volta de visitantes que percorren os diferentes itinerarios xacobeos.

Estes días pasados, o foco estivo posto en Compostela, coa chegada duns 12.000 de participantes na Peregrinación Europea de Mozas e Mozos (PEJ 2022), que se sumaron ás romeiras e romeiros tradicionais xunto co turismo alleo ao Camiño de Santiago

Hostalaría e masificación en Compostela

Malia isto, o sector non relacionado directamente co negocio da peregrinación tamén é crítico co modelo de masificación que se está vivindo nos últimos quilómetros da ruta xacobea e, sobre todo, na propia capital da Galiza.

O presidente de Hostalaría.gal, Lois Lopes, admite a Nós Diario que as opinións sobre este tema son variadas “segundo che toque na zona cero da Catedral ou non”, unha realidade que xa reivindicaron durante a pandemia cando afirmaban que “non toda a hostalaría vive do turismo”.

Por este motivo, non comparte a idea de “darlle importancia ao número de visitantes", ao entender que debería dárselle ao "gasto que realizan nos estabelecementos". Non descarta que esta "masificación" poida "privarnos de ter outro tipo de clientela". Fai un chamamento “ao civismo e a manter o equilibrio entre o lecer e o descanso da veciñanza” lembrando que a situación “é puntual e moi concentrada no espazo da Catedral”.  

Neste sentido, coincide coa idea que xa expuxera o catedrático da USC Rubén Lois en Nós Diario de realizar “un mapa de fluxos turísticos e tentar desconxestionar a cidade", en todo caso aconsella "atallar" a situación "antes de que se converta nun problema serio". Alén diso, bota en falta "máis regulación, sobre todo no tema das vivendas turísticas".

Falta de planificación

A concentración da mocidade relixiosa destes días tamén prexudicou unha parte da hostalaría. “Foi un evento mal planificado, podía terse evitado meter esa cantidade de xente na cidade no mes de agosto cando xa hai moito turismo”, sinala Lopes, “o Son do Camiño tivo máis visitantes e non tivemos os problemas que se teñen agora”, engade.

En relación ao seu sector, o hostaleiro cre que “os máis beneficiados foron os supermercados, polo seu propio modelo, que evita os servizos que ofrecemos na hostalaría”.

A peregrinación que evita a hostalaría en  Compostela

A PEJ 2022 trasladou a Compostela, facendo varios percorridos do Camiño, 12.000 mozas e mozos. A inscrición á iniciativa, cun custo de entre 250 e 300 euros, incluía as comidas a través de cátering e pernoctacións en pavillóns públicos ou estabelecementos da Igrexa.

A gran cantidade de participantes deixaron algunhas imaxes que recolleron as redes sociais de comida inutilizada nas proximidades da Catedral.  

Normalidade máis alá do quilómetro 100

Todo o contrario acontece en Sarria, máis alá do quilómetro 100  do Camiño de Santiago -situado en Ferreiros, concello de Paradela- que permite obter o certificado oficial da Compostela.

O presidente da Asociación Hostalaría e Turismo do Camiño Francés, José Manuel Fontal, afirma a Nós Diario que non notaron máis masificación que outros anos. Explica que "xullo e agosto son meses de máis visitante de albergue, pola idade, e o resto do ano é máis de hostal e hotel".  Asegura que "o peregrino aquí non estraga nada, non é como o turista de Benidorm ou Torremolinos". 

Comentarios