O naufraxio do ‘Pitanxo’ fai dous anos esta semana cunha investigación xudicial que apunta ao patrón

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ministerio de Pesca)

As pescudas oficiais corroboran a versión de Samuel Kwesi

Esta quinta feira o naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo fai dous anos. O buque afundiu na madrugada do 15 de febreiro de 2022 en augas de Terranova, en Canadá, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo.

Nos case 730 días que pasaron desde a traxedia, os e as familiares das vítimas non cesaron de pedir que se busque a verdade do acontecido, ao atopar contradicións entre as versións dos tres sobreviventes. Na actualidade, o caso está xudicializado, cunha investigación que apunta cara á figura do patrón do buque, Juan Padín.

Aquela terza feira, pasaban uns minutos das cinco horas da madrugada na Galiza cando saltaron as alarmas, informando de que o buque estaba a sufrir problemas nas xélidas augas do Atlántico norte, unha zona próxima ao lugar onde se afundiu tamén o mítico Titanic no ano 1912.

Segundo relatan as tres persoas que salvaron as súas vidas, todo ocorreu moi rápido e en cuestión de 20 minutos o barco xa se mergullou por completo, ficando menos de dez mariñeiros nun bote á deriva durante cinco horas, até que foron atopados por outro pesqueiro galego, o Praia Menduiña 2. Con todo, moitos dos que estaban na balsa, que tiña unha fuga e estaba asolagada, non soportaron as baixas temperaturas e faleceron antes de ser rescatados.

Así, só o capitán do buque, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e un mariñeiro ganés, Samuel Kwesi, lograron sobrevivir á traxedia. Os seus relatos sobre o ocorrido e as malas condicións que os falecidos denunciaran padecer no buque ás súas familias, fixeron que comezase unha investigación sobre os feitos.

En concreto, Padín e Rial contaron que o motor do Pitanxo parou de forma repentina, quedando o barco á deriva no medio dunha forte tormenta, polo que o mar acabou engulíndoo e con pouca marxe para que os 24 tripulantes puidesen facer algo para salvar as súas vidas.

Con todo, Kwesi asegurou que o Vila de Pitanxo enganchara as redes no fondo do mar, polo que o capitán tratou de facer varias manobras para solucionar este problema. Así, o barco comezaría a escorar ao non ser capaz de soltarse, entrando auga até que o motor parou, sen escoitar aos mariñeiros que pedían que soltase as redes.

Indicios de 21 homicidios por imprudencia

Desta maneira, o xuíz Ismael Moreno da Audiencia Nacional, que investiga o caso, viu indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia, imputando a Padín polos mesmos. Tras declarar ante o maxistrado hai xa máis dun ano, impúxoselle a retirada do pasaporte e unha medida cautelar que o obriga a comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado.

A partir de aí, familiares das vítimas insistiron en coñecer "toda a verdade" do naufraxio. Despois da declaración ante a Audiencia Nacional de Padín, outro gran fito da investigación produciuse cando finalmente foi aprobada a inspección ocular do pecio, polo que o buque Ártabro viaxou a Terranova para, cun robot, levar a cabo unha gravación exhaustiva dos restos do buque baixo o mar e as súas inmediacións.

Precisamente a semana pasada coñecéronse as conclusións do informe elaborado pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), a partir non só destas imaxes senón tamén das declaracións dos sobreviventes e doutra información recompilada.

"Erro humano"

Nela, os peritos apuntan cara a un "erro humano" do capitán como "causa máis probábel" do afundimento do barco. Ademais, dan por "verosímil" a versión de Kwesi e ven "incongruencias" na de Padín e o seu sobriño, indicando que "a causa máis probábel" de que parase o motor sería a escora do barco, ao contrario do que defendía Padín.

Os expertos tamén dubidan de como se soltou a segunda balsa salvavidas do Pitanxo. Padín sempre defendeu que, cando deu a orde de abandonar o barco, foi el axudar a inchar e arribar este bote, deixando encargado do mesmo ao primeiro oficial, para despois ir soltar a outra balsa, na que montou.

Con todo, agora os peritos dubidan de se este salvavidas foi desenganchado de forma manual ou se se soltou por si só do Pitanxo cando o barco afundiu. Cabe lembrar que ese bote foi atopado baleiro e, segundo a investigación, confírmase que "non embarcou ningún tripulante" nel.

Na actualidade, a investigación tamén apunta cara á armadora do barco, o Grupo Nores de Marín (O Morrazo), debido ás condicións que terían os mariñeiros a bordo. En concreto, dous homes que formaron parte da tripulación do Pitanxo en mareas anteriores aseguraron ante o xuíz que nunca realizaron simulacros de incendios nin de evacuación e que apenas tiñan descansos.

Palabras similares dixo Kwesi no seu día. Ademais, mensaxes de WhatsApp dos falecidos revelaban as malas condicións nas que vivían, con varias persoas contaxiadas de Covid-19 traballando no barco. Isto puido corroborarse debido a que sete dos nove cadáveres atopados (12 corpos nunca apareceron) tiñan restos deste virus.