Naturgy proxecta un novo parque eólico na Mariña

Proxección dos oito aeroxeradores, dentro da área de desenvolvemento eólico Buio II (Infografía: Naturgy).
Oito aeroxeradores (27,6 MW) que afectarían os concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove.

Un novo parque eólico axexa a Mariña, que conta xa con máis dunha vintena en funcionamento. O Diario Oficial da Galiza someteu esta terza feira a información pública toda a documentación previa á autorización dunha iniciativa enerxética de Naturgy, Piago, que afectaría os concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove.

No proxecto de execución, dispoñíbel no portal web da Consellaría de Empresa, Economía e Innovación, constan oito aeroxeradores —todos previstos no termo municipal de Cervo— que sumarían unha potencia total instalada de 27,6 megawatts (MW), alén dun centro de seccionamento que se construiría para recoller a enerxía xerada polas turbinas.

Así mesmo, prevé unha liña de alta tensión de 6.862 metros de lonxitude e outras dúas subterráneas, de 77 e 129 metros respectivamente, que atravesarían O Valadouro, Viveiro e Xove. O tendido eléctrico entroncaría para evacuar a enerxía coa liña de alta tensión procedente do parque eólico Buio —xa operativo e pertencente ao grupo Acciona, con 31 aeroxeradores e 40,3 MW— e a subestación recolectora de Boimente, en Viveiro.

Outros eólicos na contorna

O parque eólico Piago situaríase dentro da área de desenvolvemento eólico Buio II —prevista no Plan Sectorial Eólico—, e situaríase a escasos quilómetros de dous parques que xa se atopan en funcionamento: Gamoide —Foz, O Valadouro e Xove, composto por 25 muíños e unha potencia de 32,5 MW, e Rioboo —O Valadouro, Viveiro e Xove—, con 16 turbinas eólicas e 20,8 MW. Ambos os dous son operados por Eurovento SL, filial do grupo Acciona.

E na mesma contorna, máis perto aínda de Piago, o Rexistro Eólico da Galiza recolle unha nova solicitude —aínda sen definir o promotor nin a potencia— para a construción dun parque eólico Caroliño, de 15 turbinas.

Afeccións

Así as cousas, no seu estudo de impacto ambiental (EIA), a empresa recoñece o impacto negativo, mais "moderado", sobre 14 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, alén dunha "afección permanente", tamén cualificada de "moderada", a zonas húmidas e bosques autóctonos.

Tamén afectaría máis de 5.000 metros cadrados de solos de uso agrícola e gandeiro destes municipios, e o aeroxerador máis próximo ficaría a 500 metros da Serra do Xistral.