Naturgy esquiva o Miteco fragmentando dous parques eólicos en Ordes

Imaxe de arquivo do parque eólico do Corzán, en Negreira (Foto: B. Bouzas).
As Encrobas e Meirama, tramitados por separado, sumarían 69,5 MW de se presentaren como un único proxecto.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) someteu nesta cuarta feira a información pública o parque eólico das Encrobas, promovido por Naturgy nos termos municipais de Carral, Cerceda e Ordes. Este proxecto constaría de catro aeroxeradores que reunirían unha potencia total instalada de 20 megawatts (MW).

Porén, cómpre salientar que hai apenas tres semanas o DOG tamén recollía outra proposta de Naturgy, o parque Meirama, de trece turbinas e 49,5 MW.

Segundo consta na documentación achegada pola empresa, ambos os dous compartirían infraestruturas como o almacén de residuos e a subestación transformadora —peza indispensábel dun parque eólico para canalizar a enerxía xerada e vertela á rede eléctrica, e da que carece o proxecto das Encrobas—.

Ao fragmentar os parques e tramitalos por separado, estes poderán ser xestionados a través da Xunta e non pola vía do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), que se ocupa de todos os proxectos superiores a 50 MW.

Aliás, tanto As Encrobas como Meirama foron declarados pola Xunta de utilidade pública —o cal abre a vía da expropiación dos terreos— e de interese galego —polo que serán sometidos a unha avaliación ambiental simplificada.

Reunión coa ministra Ribera

Noutra orde, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, vén de solicitar unha reunión coa ministra Teresa Ribera para exporlle "os efectos negativos que terá para o municipio o parque eólico O Barqueiro [de Enel Green Power, con 30 aeroxeradores e 150 MW]".

Malia os posíbeis beneficios, dixo, "Ortigueira quedaría hipotecado de por vida".