A partir de hoxe, nas distancias curtas, máscaras de uso obrigatorio

As máscaras hixiénicas son as recomendadas para a poboación sa (Imaxe: Raquel C. Pérez)
O prezo das máscaras cirúrxicas, dun único uso, fixouse en 96 céntimos. As hixiénicas, indicadas para quen non presenta síntomas da COVID-19, non teñen un límite. Está nas mans das autonomías a súa distribución gratuíta. O paquete de tres que proporciona a Xunta a persoas vulnerábeis tivo unha alta demanda

"Creouse certa confusión co tema das máscaras, de se eran necesarias ou obrigatorias ou non, daquela moita clientela pregunta por cando usala ou que tipos protexen máis", explica Inmaculada Ginarte, farmacéutica en Compostela, desde o outro lado do estante da botica.

Mentres conversa, no estabelecemento entran un par de persoas para mercar máscaras. Desde hoxe o seu uso é obrigatorio, con excepcións, para a poboación de 6 anos en adiante.  

Que máscaras usar e como

O Boletín Oficial do Estado (BOE) estabelece desde o 21 de maio o uso obrigatorio de máscaras en espazos fechados e espazos públicos sempre que sexa imposíbel manter unha distancia de dous metros. A normativa ten excepcións: crianzas menores de 6 anos, persoas con problemas respiratorios ou que se poidan ver agravados polo uso das máscaras, cando existen contraindicacións por motivos xustificados de saúde ou en persoas dependentes ou cunha discapacidade con alteracións da conduta que impidan a súa colocación.

O BOE recomenda as máscaras hixiénicas para as persoas sas

O BOE tamén exime de portalas en actividades nas que o seu uso é incompatíbel. Agás no exemplo de beber ou comer, non especifica cales. A orde ministerial recomenda as máscaras hixiénicas para persoas sas e as cirúrxicas para contaxiadas con e sen síntomas da COVID-19. En ambos os casos combinaranse co lavado frecuente das mans e co mantemento das distancias no máximo posíbel. Unha guía do Ministerio de Consumo inclúe que quen coide unha persoa con síntomas ou positivos pola COVID-19 empregará máscaras dos tipos FPP1, Fpp2 ou FPP3.

As hixiénicas son as indicadas á meirande parte da poboación. Estas pódense mercar nas farmacias, mais tamén nas grandes superficies, e segundo as súas características pódense reutilizar. Unha lectura do etiquetado indicará se cumpren os criterios da norma UNE: 0065, marcados pola Asociación Española de Normalización. Con ela asegúrase á cidadanía que as adquira que "ofrecen protección barreira fronte á COVID-19".

Penso que se non aprobou a obrigatoriedade antes é porque non había material suficiente, explica Inmaculada Ginarte

Preguntada polo desabastecemento de máscaras durante a pandemia, Inmaculada Ginarte explica que a chegada de subministros está hoxe normalizada. "Hai uns quince días si que o notamos", di, reflexionando sobre a carencia de compañías produtoras de material sanitario no Estado español. "Penso que se non aprobou a obrigatoriedade antes é porque non había material suficiente, non entendo como é posíbel que non se produzan aquí", razoa.

A respecto dos prezos, Ginarte aclara que non notaron unha suba salientábel. "O das cirúrxicas está fixado en 96 céntimos e as doutro tipo tampouco aumentou, de feito as FPP2 que recibimos recentemente baixaron máis do habitual", apunta. "Cando se fixaron o das cirúrxicas era moi difícil conseguilas", engade Manuel Barreiro, farmacéutico da Fonsagrada e vogal do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo.

As hixiénicas, sen prezo máximo

Polo momento, o Goberno estatal descarta fixar o prezo das máscaras hixiénicas. "Supoño que dependerá de se soben moito os prezos, mais é certo que a capacidade económica da xente vaise ver reducida, non sei cal podería ser a solución", di Barreiro, e engade que o paquete de tres máscaras cirúrxicas gratuítas que distribúe a Xunta a pensionistas e persoas con poucos recursos foi moi solicitado. "É certo que só son tres, mais é mellor que nada", salienta.

Barreiro lembra que, en todo caso, as máscaras de tea como as que as modistas da Fonsagrada teceron para a súa poboación poderían empregarse. "O importante é xeneralizar e normalizar o seu uso no noso día", conclúe.