Nais e pais do CEIP Ramón Cabanillas exixen a Oca Hotels que lles devolva os cartos dunha viaxe de fin de curso

Complexo da estación de Manzaneda. (Foto: Web Oca Hotels)
O grupo de proxenitores do alumnado compostelán, que puntualiza que esta semana a cadea asegurou que ingresaría os cartos ao longo deste mes, leva reclamando o diñeiro do sinal desde abril. A situación sanitaria obrigou a manter fechado o hospedaxe e as crianzas non puideron gozar da excursión. Saben, ademais, que nun colexio de Bertamiráns estanse atopando con problemas similares.

Un grupo de estudantes e nais e pais do CEIP Ramón Cabanillas de Compostela acusa á Estación de Montaña de Manzaneda, xestionada polo grupo Oca Hotels conxuntamente coa hospedaxe da infraestrutura, de adiar sin razón aparente a devolución duns cartos que adiantaron a modo de sinal para a excursión de fin de curso do ano pasado. Levan pelexando desde abril pola devolución de 1.311 euros e, malia que puntualizan que esta semana responsábeis de Oca Manzaneda chamaron para comprometerse a pagar ao longo deste setembro, xa non cren na palabra da empresa.

"Nós sabiamos que se non ían perdíamos o diñeiro da reserva, pero ao estar a estación fechada tanto pola súa parte como pola nosa foi imposíbel ir", explica Silvia Bouzón sobre o desencontro. Se ben é certo que eses 1.311 euros perdíanse se a rapazada non facía a viaxe, o certo é que a situación da pandemia e o confinamento mudou as circunstancias de todo.

Neste sentido, comenta que o hotel non estaba traballando polo que a culpa final de non acudir non reside nas persoas que fixeron as reservas, porque o estabelecemento non estaba dispoñíbel para acudir (e, en todo caso, a situación sanitaria tampouco o permitiría). Por iso, entenden que os cartos correspóndenlles de volta ás familias.

"De feito, en ningún momento dixeron que non nos correspondía, desde o primeiro momento dixéronnos que nos ían devolver os cartos", engade. Pero mes a mes fóronse atopando con distintas desculpas.

Diferentes desculpas

"Primeiro pedíronnos que, por favor, agardásemos porque estaban a reanudar a actividade e, como as cousas estaban difíciles, dixemos que si; o segundo mes pedíronnos un pouco máis de paciencia; en xuño aseguraron que pagaban en xullo e, en agosto, o director xeral de Oca Hoteles díxonos que non tiñan control na tesourería da estación", enumera Bouzón.

Con estes antecedentes teñen a sensación de que o grupo está atrasando a devolución porque en breve remata a súa concesión á fronte do complexo e non concorren ao novo concurso. Deste xeito evitarían o pago ás 44 familias. "Non é moito diñeiro pero é noso", puntualiza a nai, que di que ante un negocio familiar terían maior comprensión pero non cun grupo que non deixa de crecer.

Malia que non acudiron ás institucións públicas, recordan que o consello de administración da propietaria da estación está formado pola Xunta, a Deputación e varios concellos do entorno. Por iso pídenlles que vixíen ás concesionarias.

Agora agardan o reembolso que Oca Manzaneda comprometeu esta semana para setembro, mais fan a denuncia porque xa non se fían. Ademais, saben doutro colexio de Bertamiráns que está a ter problemas por unha excursión ao mesmo complexo.