SOCIAL

Nace A Tribo, unha radio online creada no confinamento

Web do programa de radio online A Tribo.
O primeiro programa estará dispoñíbel esta sexta feira e os podcast poderánse escoitar na súa web e en varias plataformas. Está presentado por Bocixa e baixo a coordinación de Verónica Álvarez. 

A Tribo Radio nace do confinamento derivado da crise da COVID-19 e aspira a conformar unha sociedade crítica, máis xusta e igualitaria na Galiza. Comeza a emitir esta sexta feira ás 12 horas, a través da web atribo.gal, da plataforma Ivoox e das redes sociais Facebook e Twitter.

Un programa de radio en galego, deseñado especificamente para internet cunha emisión cada 15 días, que comeza contando coas voces de persoas pertencentes a diferentes ámbitos, que reflexionarán sobre o momento actual a nivel social, económico, sanitario, cultural, medioambiental e psicolóxico.

Xosé Antón Bocixa Rei é o presentador e condutor da Tribo Radio, na que tamén se engargará da realización. Verónica Álvarez está na coordinación e vai a cargo de Tingalaranga. Mentres que o deseño da páxina web é de Laura Romero. 

Neste primeiro podcast contarán co actor Carlos Blanco; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; a escritora e filósofa Rebeca Baceiredo; con Ana María Núñez Rubines, coordinadora do Grupo de Intervención Psicoloxía en Catástrofes e Emerxencias do Colexio de Psicoloxía da Galiza; con Iago Lestegás Tizón, arquiteco e Doutor en Urbanismo; con Isabel Prego, celadora no Chuac; e Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade da Coruña. 

Así como con Luís Rei, recepcionista de Mercadoría nun hipermercado da Coruña; Marta Rial Chorén, psicóloga e activista da Plataforma Mina Touro-O Pino NON; Mónica Fernández, auxiliar de enfermería no Chus; Rita del Lago, cociñeira no centro de maiores de Celanova, Sagrario Fernández, Traballadora Social no Hula; Sofía Riveiro Olveira, educadora social; e Jessica Rei, da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes.