24 anos de CUAC FM

Radio Pat(i)o: resistencia comunitaria ao confinamento

Imaxe dun dos actos de apoio a CUAC durante o proceso xudicial, que cabou co recoñecemento a emitir en FM. (CUAC FM).
"Cuac resiste" foi o lema da radio comunitaria da Coruña Cuac FM durante os case dous anos que durou a súa pugna coa Xunta pola emisión, que durante meses confinou a programación a internet. Hoxe, despois de gañarlle ao Goberno de Feixoo nos tribunais (mesmo no Supremo!) e volver ás ondas, o proxecto cumpre 24 anos cun programa especial en marcha para axudar a resistir o confinamento: Radio Pat(i)o. 

"Resistir é o noso, é o que mellor se nos dá", corrobora Mariano Fernández Cabarcos, membro histórico da radio comunitaria coruñesa e un dos implicados na nova proposta, que comezou a funcionar, en probas, o pasado día 18 e que cada tarde, de luns a venres e de 18 a 20 horas achega desde o 103.4 da FM, na web ou nos podcasts, alternativas de lecer e acompañamento para este tempo de corentena.

Como conta a Nós Diario, a iniciativa naceu como unha vía "para saír do shock e tamén por servizo público", e por iso a premisa foi a de non abondar máis no reconto de desgrazas que trae o coronavirus, senón enfocarse cara ao confinamento.

"Centrármonos na vida da xente, máis que nos números, porque entendemos que ese é o noso papel como radio comunitaria. Romper un pouco o bloqueo falando con xente que está fóra, tecer rede con outras radios e dar aire ás iniciativas que van agromando por aí adiante, como os Grupos de Apoio Mutuo que están a funcionar na Coruña... Un formato de lecer, con recomendacións de todo tipo –lecturas, música, videoxogos...–, que acompañe a quen está na casa e lle dea opcións de ocio; ese foi o enfoque", resume.

"Formación en tempos de cólera", "A Tertulia", “A banda sonora do cautiverio" ou "Coronabulo" son algunhas das seccións do programa, que esta tarde fará un oco para celebrar o 24º aniversario de CUAC, unha efeméride que este ano terá que ser máis virtual que as anteriores, e para a que a emisora ten aberto o seu Whatsapp (644737303) para que a comunidade de CUAC, e quen queira, poida reunirse, aínda que sexa, en antena. "24 anos son moitos programas, moitas horas de radio e máis de 1.500 persoas", reconta Fernández Cabarcos. 

Como salienta, a "maxia" da tecnoloxía e das persoas de CUAC que a puxeron a andar nun primeiro momento, xusto antes do estado de alarma, están detrás da emisión de Radio Pat(i)o, que hoxe xunta un equipo de coordinación de máis de 40 persoas, en quendas de 15 ou 20 para cada programa, entre produción, locución, equipa técnica e responsábeis das seccións. 

Como o que non deu tombado Feixoo non o vai tombar unha pandemia, CUAC xa está a traballar coa xente que se encarga do control técnico para formala nas novas ferramentas que están a desenvolver e recuperar a súa programación completa, emitindo desde as casas, que quedara suspendida "por precaución" hai dúas semanas pola ameaza sanitaria. Como xa está afeita a facer, CUAC, en tempos de coronavirus, tamén resiste.