"Damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega": 73 anos da primeira programación radiofónica estábel en galego

Imaxe de técnicos da BBC, cadea que emitía o programa en galego.

'Galician Programme’, desde a BBC de Londres, comezou a emitir o 14 de abril de 1947. Durou até 1956, cando se retirou por presións do goberno de Franco.

"C'o Programa d'ista noite damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega". Ás 23.45 horas do 14 de abril de 1947, comezaba así a primeira programación radiofónica estábel en galego, e facíao desde a BBC de Londres.

Os micrófonos do Galician Programme permitiron oír desde calquera recuncho da Galiza colaboracións das figuras máis importantes da nosa cultura. A Real Academia Galega, conserva no seu arquivo os guións deste espazo, emitido até que en 1956 as presións do goberno de Franco acabaron con el.

O programa emitíase, con duración variábel, cada tres semanas dentro do Spanish Programme, alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. A melodía de Cock of the North, unha popular canción escocesa, marcaba o inicio e o Alalá de Bande, a Muiñeira de Cartelle ou o Pasacorredoiras de Arnoia, o peche.

Os 80 guións do Galician Programme son custodiados na RAG grazas á doazón do seu editor e presentador, o xornalista ourensán Alejandro Raimúndez.

"As emisións en lingua galega dende a BBC de Londres son un capítulo sobranceiro e moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita que significou a Guerra Civil. Unha acción estratéxica desde o exilio interior, principalmente de persoas arredor de vellos militantes do Partido Galeguista que por aquelas datas estaban a configurar a Editorial Galaxia", salientaba en 2017 o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes”.

Un logro que non se pode entender nin explicar sen a implicación e achega de persoas como Plácido R. Castro.