Nace Nós Diario: unha ollada plural e aberta ao mundo desde a Galiza

O Número cero do xornal foi presentado este sábado, 30 de novembro, no Culturgal, 636 días após a posta en marcha do proxecto e coa vista no horizonte do 2 de xaneiro de 2020, día en que definitivamente botará a andar.

«Nós Diario nace como un medio aberto, con vontade de escoitar todas as voces e de ofrecer información veraz, rigorosa e plural». Con estas palabras resumía Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, o leit motiv do xornal que veu á luz coa presentación este sábado do seu Número cero na Feira das Industrias Culturais da Galiza (Culturgal).

Xoán Costa, que estivo acompañado no acto pola directora de Nós Diario, María Obelleiro, e Guadi Galego, unha das artistas galegas con maior proxección nacional e internacional, realizou no seu discurso unha alegoría entre o xornal e o parto dunha elefanta.

«Desde o 24 de novembro de 2017, día en que Sermos Galiza fai o anuncio da posta en marcha do proxecto para a edición dun diario en papel, até hoxe en que o presentamos ao público pasaron 636 días. Un período de xestación longo, só equiparábel co período de xestación da elefanta, situado, por termo medio en 625 días», introduciu Costa o seu discurso para, a continuación, chamar a atención dos coidados que cómpre que teña, como calquera recén nacido, «a criatura que hoxe nace».

«Poñamos o ollo nesa cría de elefanta recén nada despois de 22 meses de xestación. Mide algo máis dun metro de altura e pesa sobre cen quilos, referencias minúsculas de pensarmos nas medidas de adulto, mais enormes se as comparamos cos parámetros humanos. Pois esa cría, aparentemente forte, é tremendamente feble e precisará da protección e, sobre todo, das ensinanzas de toda a comunidade. A iso apelo».

«Un proxecto que mira pola Galiza»

Guadi Galego, pola súa banda, salientou a importancia que «a nivel social» ten un proxecto «que mire pola Galiza» e que «dea saída á creatividade» das autoras e dos autores do país.

Para María Obelleiro, Nós Diario supón un punto de inflexión. «Un xornal galego coa mirada posta na Galiza», dixo, «sen axendas impostas desde fóra» e que «responde á honestidade e ao rigor».

Obelleiro comentou ao respecto do número cero que era «un adianto» do que está por vir: un diario que «tratará temas que outros deixan de lado», como o feminismo, o ecoloxismo, a lingua, a historia, a memoria, os movementos sociais ou a diáspora, citou.