Nace a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra para loitar contra os proxectos eólicos

Penedos de Pasarela e Traba nunha simulación do parque eólico realizada por Contramínate Asociación Ambiental (Contramínate)
Varias entidades da Comarca de Bergantiños decidiron unirse coa intención de rexeitar as propostas de parques eólicos que hai na zona. Comezarán identificando e avaliando os problemas ambientais que traen para a veciñanza.

Diversas plataformas, colectivos e asociacións da Comarca de Bergantiños, entre as que figuran a de Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a de Monte Neme, Contramínate, e a asociación Ambiental Petón do Lobo, constituíron a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra.

A finalidade desta nova entidade, aseguran nun comunicado, é "agrupar e coordinar un movemento que poida dar unha resposta por parte da sociedade civil a algúns dos macroproxectos que afectan gravemente a vida social e económica dos veciños, así como ao medio onde viven". 

Os obxectivos principais polos que iniciará a súa andaina esta nova coordinadora serán "a identificación, estudo e avaliación dos problemas ambientais e socioeconómicos derivados da implantación masiva de parques eólicos na Comarca de Bergantiños".

Apuntan no documento que estes parques eólicos proxectados por toda a comarca, "afectarán gravemente ao noso territorio, provocando danos irreversíbeis, creando grandes impactos tanto paisaxísticos como sociais na veciñanza bergantiñá". 

Difundir e divulgar a problemática dos eólicos

Como accións principais indican que procederán a divulgar información entre toda a sociedade en xeral, relativa á problemática asociada á implantación de parques eólicos no territorio. Ademais fomentarán "o apoio e a unión, compartindo recursos e estratexias para combater conxuntamente a destrución" do que denomina "problemáticas derivadas da pandemia eólica que padecemos".

A proposta da coordinadora é "fomentar sobre a sociedade outro modelo de enerxías renovábeis onde prime máis o micro que o macro, o interese social antes que o lucro das grandes multinacionais, atendendo a unhas necesidades reais produtivas e non especulativas, todo baixo un estrito respecto ao medio ambiente".

Por todo isto afirman constituírse "nun instrumento efectivo da sociedade organizada, aspirando a converterse nunha ferramenta de mobilización social contra estes proxectos destrutivos e especulativos que atropelan os dereitos básicos da nosa veciñanza bergantiñá" e animan a toda a veciñanza e sociedade organizada de Bergantiños a participar co obxectivo de "mudar as políticas enerxéticas".