Nace a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra que conta con máis de 50 entidades

Presentación da Federación en Castro Caldelas. (Foto: Federación de Asociacións da Ribeira Sacra).
Co propósito de “ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra”, a Federación propúxose levar a voz e opinión aos espazos de decisión que os afectan.

Vén de se constituir no castelo de Castro Caldelas, a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. Máis de 50 entidades veciñais, culturais, comunidades de montes e outros colectivos decidiron por unanimidade unirse nesta federación.

Co propósito de “ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra”, a Federación propúxose levar a voz e opinión aos espazos de decisión que os afectan. Entre eles están a mesa da Reserva da Biosfera, Rede Natura, a Candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO ou o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

Declaración pública de principios

Entre os documentos aprobados está unha declaración pública de principios que se resumen en varios puntos: patrimonio inmaterial: lingua, territorio, paisaxe, participación, benestar igualdade e un rural vivo.

Estas liñas básicas, que se desenvolverán en mesas de traballo co fin de nutrir de iniciatvas a Federación, presentáronse como os puntos básicos para unir o tecido organizado na Ribeira Sacra. Os promotores cren que se sumarán máis colectivos, que hai outro medio cento de asociacións pendentes de ratificar a súa participación logo de levar ás súas respectivas asembleas a proposta.

A Federación cre así que a Administración está obrigada a escoitalos porque "xa non se trata dun colectivo individual dun concello concreto; aquí traemos a voz e a representación de numerosos colectivos con actividades e iniciaticas coas cales contribuír a unha mellora da vida no territorio".

Ademais, agardan que a Administración entenda a necesidade de que o pobo participe e opine sobre diversas cuestións que condicionan e condicionarán a súa vida.

A nova directiva

A nova directiva escollida por unanimidade, intégrana a presidenta Natalia Figueiras (Salvemos Rochas, do concello de Esgos), o vicepresidente Alfonso Campos (da asocaición Proencia, de Sober), o secretario Lucas Vázquez (de Segredos de Pantón), o tesoureiro Xurxo Martínez González (da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón), e os vogais Antom Fente (Chantada), Alexandre Varela (Taboada), Mercedes Martínez (A Teixeira) e Lorena Álvarez (Pantón).

Finalmente, a Federación quere comezar a preparar un calendario de accións para a volta do verán e responder así ás expectativas creadas en numerosas parroquias da Ribeira Sacra. "Queremos interconectar o movemento de base, coñecernos e compartir experiencias que sexan aproveitábeis para outras parroquias. Hai moitos traballos que son un exemplo. Queremos dalos a coñecer e potenciar este movemento cidadán na liña dos fins aprobados en Castro Caldelas".