Unha nova plataforma política centrada no rural galego participará nas vindeiras municipais

Diversos colectivos cidadás e políticos decidiron este sábado que Interior Galego Vivo (IGV) se constituise como organización política para acudir ás eleccións municipais de 2023, mantendo a autonomía e identidade de cada unha das agrupacións que participan dela.
V Asemblea de IGV en Antas de Ulla. (Foto: Nós Diario)
photo_camera V Asemblea de IGV en Antas de Ulla. (Foto: Nós Diario)

Diversos colectivos cidadás e políticos veñen de reunirse este sábado en Antas de Ulla, ao redor de diferentes mesas de traballo temáticas sobre a situación do rural galego.

Na xuntanza, decidiron que Interior Galego Vivo (IGV) se constituise como organización política para acudir ás eleccións municipais de 2023, mantendo a autonomía e identidade de cada unha das agrupacións que participan dela.

Alén disto, a nova plataforma política sinalou que continúa aberta á inclusión de novos colectivos veciñais que, desde unha perspectiva cívica, teñan interese en favorecer que haxa grupos de traballo en cada municipio, que poidan reunirse e traballar en cuestións sociais, aínda sen o obxectivo de presentar unha candidatura municipal. A tal efecto, IGV constituirase tamén como asociación. 

Nesta quinta asemblea, abordáronse as problemáticas do rural a través de varias mesas de traballo, nas que se aprobou afondar en cuestións como a necesidade de fomentar o transporte compartido no rural ou a aposta por servizos sociais 100% públicos e a erradicación de macroresidencias.

Desde IGV afirman que é "necesario" que servizos como os xeriátricos "estean a un máximo de trinta minutos en coche de calquera das nosas parroquias". Apostan tamén pola implementación de ciclos formativos do sector agrogandeiro nas zonas rurais e que, en todo caso, teñan vinculación directa con traballos propios da zona.

A nova plataforma defende unha fiscalidade que discrimine positivamente á poboación rural para contribuir a frear a caída demográfica destas zonas, traducida por exemplo en bonificacións fiscais na vivenda habitual ou na transmisión patrimonial de vivendas con valor inferior a 190.000 euros en concellos avellentados ou despoboados. 

Para impulsar estes acordos, constituiuse unha coordinadora ampliada e reforzada na que se integrarán novas persoas e proxectos municipalistas e asociativos do rural galego, que representan unha trintena de concellos.

En breve, IGV publicará os textos aprobados sobre os principios desta nova organización política, que inclúen o seu funcionamento interno así como as súas liñas programáticas.

Comentarios