"Na xustiza hai unha negativa a recoñecer a existencia do maltrato e a tortura baixo custodia"

Penal de Teixeiro [Imaxe Galiza ContraInfo]

Fernando Blanco preside o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades (Esculca).

A abertura de xuízo oral por un presunto caso de torturas no penal de Teixeiro denunciadas polo recluso A.P.R. en 2012 "é unha boa nova aínda que a Fiscalía reduce a gravidade das lesións", sinala en conversa con Sermos Galiza o presidente de Esculca, Fernando Blanco

Pouco antes de conversar o Tribunal europeo de dereitos humanos ditou máis unha sentenza, e suman oito, pola que condena o Estado español por non investigar "en profundidade" e de maneira "eficaz" as denuncias de torturas. E non só o sinala Estrasbugo, tamén as Nacións Unidas e mesmo o Tribunal Constitucional español se teñen pronunciado neste senso. 

Desde Esculca aseguran que, até o momento, "ao máis que temos chegado foi a un xuízo de faltas, considerado polo Código Penal como un delito leve, polo caso do Motín de Teixeiro" --que inspirou o filme Cela 211. Malia as denuncias presentadas, recompiladas recentemente nun relatorio remitido ao Comité europeo para a prevención da tortura (CPT), na práctica totalidade non chegan a ser investigadas nen xulgadas, como aconteceu ao cidadán vasco, Xabier Beortegi. 

"As investigacións son sumarias e rexe de maneira case automática o principio de veracidade do funcionario"

A administración de xustiza

"As investigacións son sumarias e rexe de maneira case automática o principio de veracidade do funcionario", explica Blanco, ao tempo que entoa o 'mea culpa' e subliña a "grande ignorancia" que existe a respeito dos "protocolos de prevención da tortura" como o de Istambul, mesmo por parte dos profesionais. "Resúltannos moi alleos". 

Aliás, sinala, por parte da "administración de xustiza hai unha negativa" a recoñecer "a existencia de maltrato e tortura baixo custodia" o que se torna nun "primeiro atranco" para que as denuncias sexan investigadas ao que engade a "tendencia na praxe penal á presunción de legalidade e veracidade" no proceder policial, tamén fóra dos penais argüíndo que desenvolven o seu traballo en "condicións moi difíciles" e que o uso da forza "é sempre limitado". 

Así as cousas, recoñece, que existe "xudicatura que asume con independencia e malia as presións as investigacións" e remarca a "presunción de inocencia" da que gozan os funcionarios de prisións como calquera outra persoa. Malia todo, acrecenta, "o poder xudicial, a administración de xustiza non ten interiorizado que hai un problema", o que para Blanco "amosa a febleza do estado de dereito" e mesmo "o debilita". 

Presos do Módulo 15 de Teixeiro definen o penal como "un buraco negro" no sistema penitenciario español

Corpo médico penitenciario

"Hai moitas dificultades" que "entorpecen a investigación" dos feitos para alén das "cuestións políticas" que os visan "ocultar", apunta lembrando casos coñecidos como o 8-F en Barcelona que protagonizou o documentario Ciutat Morta. A comezar porque no primeiro paso para denunciar algunha agresión "hai que tentar documentar as posíbeis lesións ou secuelas" através dun parte que nas prisións desenvolven "médicos dependentes do Ministerio do Interior", lembra. "Nos casos de isolamento e detención penitenciaria as militacións da lei de enxuízamento criminal dificultan acceder a un avogado e médico de confianza", apunta, polo que as lesións son avaliadas por un "corpo médico que depende xerarquicamente de Institucións Penitenciarias". Neste sentido, lembra, "houbo casos excepcionais como o de Bonxe no que a facultativa denunciou directamente" asumindo "un elevado custe persoal". 

Lidia Senra (AGEe) preguntou á Comisión europea que medidas pensa adoptar para evitar que continúen a acontecer casos de torturas como os denunciados por Esculca

No relatorio remitido por Esculca ao CPT relatan nove casos dos que tivo constancia directa o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades e que atinxiron reclusos do penal de Teixeiro. Con el solicitaron ao Comité que visite a cadea durante a súa estadía no Estado español. Estamos perante un dos penais máis duros do Estado español?, preguntamos. "Remítome ao que persoalmente me teñen contado os presos do Módulo 15", sinala Fernando Blanco e que definen esta prisión como "un buraco, un buraco negro" da que foxen, principalmente a poboación en FIES 1, tan axiña como poden. "É moi dura". 

A europarlamentar de AGEe, Lidia Senra, rexistrou recentemente unha pregunta dirixida á Comisión a respeito de que medidas pensa adoptar a UE para "garantir" que casos como os denunciados por Esculca "non sigan a acontecer".