A Greenalia atragóaselle a tramitación ambiental: os MW eólicos denegados superan os aprobados

Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
A empresa enerxética Greenalia ten actualmente máis megawatts de parques eólicos rexeitados pola Administración ou tombados pola Xustiza que os autorizados e xa operativos sen medidas cautelares xudiciais.

A implantación na Galiza de renovábeis co selo de Greenalia segue a avanzar, mais a paso lento. A enerxética coruñesa pretende instalar no país 57 parques eólicos —segundo a propia empresa— que sumarían unha potencia que superaría en conxunto os 2.100 megawatts (MW), dos cales unicamente 74,6 MW están xa en funcionamento a través das centrais denominadas Miñón, Ourol, Monte Tourado, Alto da Croa e Alto da Croa II.

Estes tres últimos, de feito, conforman un 'macrocomplexo' entre Dumbría e Vimianzo —tal e como xa informara previamente Nós Diario— ao que finalmente non se unirán a ampliación de Alto da Croa II e o proxecto Monte da Tella, que sumarían cadanseu aeroxerador de 4,5 MW, pois esta sexta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu as respectivas declaracións de impacto ambiental (DIA) con resultado desfavorábel. Entende a Consellaría de Medio Ambiente que a "acumulación de impactos sinérxicos e acumulativos sobre o patrimonio natural e biodiversidade", así como as "carencias acusadas que impiden dar por válida a análise dos posíbeis efectos significativos" sobre o medio, provoca que ningunha destas propostas sexa "ambientalmente viábel".

E non son os primeiros parques eólicos de Greenalia rexeitados por estes dous motivos, pois as eivas na cuantificación dos impactos potenciais e a insuficiencia de medidas para mitigalos propiciaron que até sete deses proxectos obtivesen unha DIA negativa, o que supón, lembrou antonte o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, o seu arquivo definitivo.

Estas seis iniciativas de Greenalia sumaban 168,8 MW, case a mesma cifra que a correspondente ás que si foron autorizadas por Medio Ambiente e que agora fican pendentes de obter os permisos que concede a Consellaría de Industria para a súa construción, que son dez parques con 193,9 MW.

É máis: malia que o Goberno galego aprobou —após cualificalos de "interese especial" nun Consello da Xunta do que facía parte Beatriz Mato, hoxe en Greenalia— os parques eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de acordar a paralización cautelar deses tres proxectos, que formarían un único 'macrocomplexo' entre Carballo, Coristanco e Santa Comba, estimando os recursos presentados pola asociación ecoloxista Adega ao entender que debe prevalecer a preservación do medio natural, ameazado por estas infraestruturas.

Os tres proxectos suman 109,3 MW, unha cifra que, engadida á dos informados negativamente por Medio Ambiente, ascende a 278,1 MW eólicos que, quer pola Administración quer pola Xustiza, foron considerados non viábeis.

Son máis que o conxunto dos MW xa operativos ou aprobados pola Consellaría e sen unha resolución xudicial contraria, 268,5 MW. A esta cuestión aludiu esta sexta feira o deputado do BNG Luís Bará, que cargou contra un "modelo eólico depredador que dana gravemente o territorio".

Por outra parte, os 16 parques eólicos restantes superan os 50 MW, polo que son competencia do Goberno español. En total suman 1.069,6 MW.