Muralla humana en Lugo para reivindicar a bandeira da Galiza

Paso das crianzas cun carballo na muralla humana de bandeiras da Patria en Lugo. (Foto: Movemento Arredista)
O ambiente festivo presidiu a muralla humana en Lugo que conmemorou o primeiro centenario do izado dunha bandeira galega nun edificio público, organizado polo Proxecto Estreleira.

Centos de persoas converxeron na mañá do domingo na muralla de Lugo para construír unha cadea humana con bandeiras da Patria cando se fai o primeiro centenario do izado oficial dunha bandeira galega nun edificio público, o Pazo municipal da Coruña en 1921, nun evento organizado polo Proxecto Estreleira.

Os impulsores da conmemoración destacan a importancia da cidade de Lugo para a loita pola liberdade da Galiza, lembrando a I Asemblea Nacionalista de 1918, que o sábado homenaxeou Vía Galega.

Ao tempo, desde a muralla humana de estreleiras foron despregadas bandeiras xigantes da Patria, do Reino Suevo da Galiza, do Antigo Reino e da serea de Castelao, nunha xornada que amenizaran desde horas antes os cuartetos de música da Gentalha do Pichel e de Trasancos.

Enchéronse 15 dos 22 tramos que cubrían o perímetro da muralla, polo que a entidade fai unha valoración moi positiva, afirmando que “foi un importante logro loxístico e organizativo. Houbo moi bo ambiente, alegría, optimismo e emoción”.

Antes de que as e os participantes se dirixiran cara a praza da Catedral en dirección ao acto de feche, produciuse o paso de dúas crianzas con cadanseu carballo pola muralla, flanqueadas por varios gaiteiros, acompañando o ambiente festivo que se viviu, coa participación de múltiples familias e de persoas de diversos eidos do nacionalismo galego.

Entre regueifas de Lupe Branco, Regueifeiras da Semente e Sechu Sendo, e a actuación musical de Mero, Xurxo Souto e Isabel Risco presentaron o acto reivindicando o compromiso popular reflexado no nome da convocatoria do acontecemento: “Adiante Galiza, somos unha naçom”.

O final do evento deu paso ao xantar e a convivencia entre as persoas asistentes no mercado de abastos lucense, que puxo o punto e final á xornada.

Proxecto Estreleira

O Proxecto Estreleira deuse a coñecer o pasado 27 de xuño no cumio do Pico Sacro, onde presentou un programa para resolver "o déficit na difusión dos símbolos que nos identifican como pobo e a crecente ocupación do espazo público e naturalización da simboloxía española e de extrema dereita antigalega".

A súa proposta, defenden, está baseada en accións que combinen "creatividade, imaxinación e audacia".