Multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública en Soutomaior

Manifestación do BNG en defensa da sanidade pública, este domingo en Soutomaior (Foto: Nós Diario)
A manifestación, organizada polo BNG, contou coa presenza de Manuel Lourenzo, candidato nacionalista á Alcaldía e deputado no Parlamento galego, e o tamén deputado, Luís Bará.

Entre berros de “Sanidade pública", “Rueda [presidente da Xunta] e Reguera [alcalde do PP en Soutomaior] á lista de espera", tivo lugar unha multitudinaria manifestación en Soutomaior, organizada polo BNG e que contou coa presenza de Manuel Lourenzo, candidato nacionalista á Alcaldía e deputado no Parlamento galego, e o tamén deputado do BNG, Luís Bará.

Manifestación en Soutomaior.

A protesta ía dirixida polos recortes que está a sufrir o centro de saúde do municipio, que segundo denuncian os nacionalistas, débense a "unha aposta pola sanidade privada a través do desmantelamento da pública". Non hai médicos, denuncian, "pola precariedade que hai no sector".

Lourenzo afirmou que "o BNG vai defender a sanidade pública que merecemos, porque non imos parar até que se nos escoite na rúa, nas institucións e alá onde sexa necesario para que este centro de saúde no que hoxe nos convocamos deixe de ser un espazo de vergoña".

Intervención de Manuel Lourenzo.

"Pretenden que nos resignemos, ir pouquiño a pouco, recorte tras recorte, para que nos vaiamos afacendo a unha situación que é absolutamente imposíbel aturar, é imposíbel que veñamos aquí con citas preconcedidas e que se nos diga que temos que dar volta", denunciou o candidato nacionalista.

"É inaturábel e inasumíbel que calquera dos que aquí estamos, calquera das nosas crianzas e calquera dos nosos maiores pida unha cita a través da aplicación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que a única solución que se nos dea é que teñamos cita para dentro de 15 días", afirmou Lourenzo.

"O que está a acontecer non é unha cuestión de falta de médicos como se nos di sistematicamente desde a Xunta da Galiza, porque todos e todas sabemos onde está a falta de profesionais, porque cando a xente pode pagar e vai á sanidade privada, alí non hai problema para seren atendidos", continuou o tamén deputado no Parlamento.

"O que queremos, o que necesitamos e o que reivindicamos é médicos, médicas e persoal sanitario, e non pasaremos por menos", dixo. "A resposta témola neste centro de saúde, 1.800 cartas sanitarias por cada profesional, unhas condicións absolutamente leoninas e, sobre todo, algo que é moito peor, que as persoas na súa frustración acaban descargando o seu enfados sobre o persoal que é igual de vítima que o conxunto dos pacientes", explicou.

"Din que isto é un problema técnico, que nós facemos política, como se houbese outra maneira de resolver isto se non fose apostando por unha política, claro que si, política con maiúsculas, que se chama sanidade pública", reivindicou Lourenzo. "Non hai nada máis digno que a atención aos nosos maiores e ás nosas crianzas con políticas de sanidade pública, e só aqueles que non cren neste tipo de políticas son os que teñen que dar unha explicación", culminou o portavoz do BNG en Soutomaior.

"Campos de experimentación de novos recortes"

Para o deputado Luís Bará, a comarca de Pontevedra, da que o responsábel nacionalista no Parlamento,  "está sendo o campo de experimentación de novos recortes na sanidade pública e ao mesmo tempo está sendo un exemplo de mobilización".

Manifestación en Soutomaior.

"Este domingo precisamente había dúas mobilizacións, tamén en Caldas, e o BNG está impulsando todas estas protestas porque é fundamental que a xente lle faga fronte a todo este proceso de deterior e desmantelamento  nas rúas, que é como se defenden os dereitos", culminou Bará.

Iniciativas parlamentarias

Precisamente no marco desta defensa da atención primaria, o BNG vén de rexistrar no Parlamento unha proposta de medidas para mellorar e reforzar a sanidade pública galega a través de “dous eixos chave”, como son “a mellora das condicións laborais do  persoal traballador, con condicións dignas” e “ampliar os servizos na atención primaria para garantir unha calidade asistencial presencial e de proximidade”.

“Compartimos a indignación dos profesionais e da poboación ante a última ocorrencia do PP en referencia á falta de asistencia nos Puntos de Asistencia Continuada (PAC)”, denuncia a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, que “recriminou a política de precariedade e recortes do Goberno do PP, que privilexia a atención a distancia en lugar dunha atención próxima á cidadanía”. “É unha temeridade, unha irresponsabilidade, porque non se pode diagnosticar a distancia, en diferido, hai que ter aos doentes diante, porque ante unha emerxencia fan falta mans para atender ás persoas”, dixo.

A deputada do BNG, Montserrat Prado.

Prado tamén fixo referencia á “última manobra da Consellaría de Sanidade de empregar persoal de enfermería como substituto do persoal médico correspondente”, porque “non é posíbel atender unha urxencia sen un equipo de profesionais que se poidan complementar”. “Os enfermeiros e enfermeiras non poden substituír a médicos e médicas”, sinalou.

Alternativa para unha sanidade pública de calidade

Fronte esta situación, a deputada exíxelle ao PP que actúe “dunha vez por todas” e que “rectifique e garanta que nos PAC haxa equipos completos formados por facultativos, enfermaría, celadores”, tal como estabelece a normativa. A formación nacionalista, ademais, reclama a posta en marcha “dun plan para reter aos e ás profesionais sanitarias formadas na Galiza e que non marchen fóra”, recalcou Prado.

Tamén propón o aumento até 25% do total do orzamento en Sanidade para a atención primaria e unha ampliación do seu persoal, ademais da incorporación nos PAC de novas categorías profesionais como a de psicoloxía clínica, nutrición, logopedia e podoloxía, entre outras.

“En 2021, 75 facultativos solicitaron o certificado de idoneidade para exercer fóra a súa profesión”, recriminou a portavoz de Sanidade do BNG, “e 40% dos que rematan o MIR non se quedan aquí”, engadiu. Segundo a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria “ao redor de 20% das enfermeiras especialistas vénse na obriga de emigrar para exercer a súa profesión”. Contra esta situación, “que pon en risco a saúde e a vida dos galegos e galegas”, a deputada do BNG esixiu ao Goberno do PP “deixar de crear un relato fraudulento e actuar de inmediato”.