As mulleres gañan ao ano 4.500 millóns menos que os homes

Traballadoras saíndo da residencia do Incio durante a pandemia (Foto: Europa Press)
A discriminación laboral entre o home e a muller non dá tregua. Malia os avances impulsados pola loita do movemento feminista nos últimos anos, a fenda entre uns e outros permanece aberta. Pagar a prezo de mercado o traballo doméstico non retribuído implicaría no PIB galego o incremento dunha terceira parte. 

En todas as sociedades as mulleres traballan máis horas que os homes para percibir ingresos inferiores. Superar esta inxustiza implica avanzar en tres eixos de actuación: a socialización dunha parte do traballo doméstico, reprodutivo e de coidados; a igualación das mulleres no traballo retribuído de mercado e a participación igual dos homes no traballo non de mercado.

O traballo doméstico e de coidados é imprescindíbel para a existencia e reprodución da sociedade. Porén a economía convencional ignórao, descargando o seu peso sobre as mulleres. O resultado é que a saúde mental das mulleres traballadoras é peor que a dos homes. A Conta Satélite de Traballo Doméstico estima que de se pagar a prezos de mercado o traballo doméstico non retribuído, o Produto Interior Bruto (PIB) galego incrementaríase nunha terceira parte.

A saúde mental das mulleres traballadoras é peor que a dos homes

As mulleres dedican o dobre de tempo ao traballo non retribuído, catro horas diarias, que ao traballo de mercado, só dúas horas. Os homes dedican tres horas diarias ao traballo retribuído e só dúas ao traballo doméstico e de coidados. En resumo, as mulleres traballan de media seis horas e os homes cinco. Mais os seus ingresos son moi inferiores.

No ano 2020, as pensións masculinas sumaron na Galiza 4.500 millóns de euros, as femininas, 3.400 millóns. No ano 2019, os asalariados cobraron 12.200 millóns, as asalariadas 8.800 millóns. As mulleres galegas perciben 4.500 millóns anuais menos que os homes en concepto de salarios e pensións.

Esta cantidade non dá conta da discriminación económica total, xa que habería que considerar outras rendas como as inmobiliarias e os beneficios e dividendos empresariais. A Galiza fai parte da norma mundial. Segundo as Nacións Unidas, en 2018 a renda media feminina era de 11.000 dólares e a masculina, 19.500.

Socialización do traballo de coidados

Unha política eficaz para paliar a discriminación económica das mulleres é a creación de emprego en autonomía e atención á dependencia, escolas infantís de 0-3 anos e comedores escolares. En Dinamarca para cada tres meniños contrátase unha educadora. Os servizos correspondentes deberían ser de financiamento e titularidade pública e cobertura universal. 

Crearíase emprego maioritariamente feminino, con retribucións dignas e condicións de traballo regulamentadas e transformaríase traballo doméstico e de coidados gratuíto en traballo retribuído, liberando as mulleres de parte da tripla xornada. Nos países escandinavos estes servizos son unha importantísima fonte de emprego feminino, máis dun de cada catro empregos localízase no sector público e sete de cada 10 son desempeñados por mulleres. No Estado español, menos dun de cada seis empregos son públicos e as mulleres desempeñan só a metade.

A profesora da Universidade de Almería María José Martínez Romero sinala que a economía feminista valora estas políticas como un paso intermedio, salientando que “o modelo sueco logrou acadar o seu obxectivo en termos de emprego das mulleres, mais a costa dunha forte discriminación cara ás nais, relegándoas a uns poucos sectores económicos e profesións e asumindo a responsabilidade do permiso parental... hai que observalo como un modelo inacabado, de transición cara ao modelo igualitario”.

As mulleres lideran o traballo temporal e parcial

A aplicación do citado modelo na Galiza impulsaría a taxa de ocupación feminina -hai 60.000 mulleres ocupadas menos que homes-; reduciría a temporalidade, 300.000 traballadores e 100.000 traballadores con contratos temporais; e o traballo a tempo parcial, modalidade que afecta a 110.000 mulleres e a 30.000 homes.

Elevar o gasto público en axuda á autonomía e atención á dependencia desde o 0,42% até o 1,1% do PIB permitiría crear máis de 20.000 postos de traballo na Galiza e mellorar as condicións laborais das 12.000 traballadoras das residencias e case 15.000 da asistencia non residencial.

Outros efectos positivos produciríanse nas carreiras laborais dos familiares, a maioría mulleres, que non terían que abandonar temporalmente o seu emprego para coidar un familiar dependente; na diminución das prestacións por desemprego; no aumento das cotas á Seguridade Social; na maior recadación por Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Valor Engadido (IVE); e nunha superior calidade de vida das persoas coidadoras e das que reciben coidados.

A urxencia dun novo modelo de financiamento dos servizos

A actual orde económica capitalista, que privatiza os servizos para extraer plusvalía, e patriarcal, que descarga a reprodución e os coidados sobre as mulleres, naturaliza esta discriminación económica da mesma maneira que no pasado se naturalizou o colonialismo, o racismo ou a escravitude.

É responsabilidade do Parlamento galego crear 
con urxencia unha comisión para estudar a creación e financiamento dos servizos que axudarían a comezar a superala.