As mulleres galegas saen á rúa contra a precarización do mercado laboral

Concentración da CIG polo 8-M en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
A CIG convoca máis de 20 concentracións por toda Galiza.

Milleiros de mulleres galegas concentráronse na mañá desta terza feira, con motivo do Día da Muller Traballadora, que decorre cada 8 de marzo, para protestar contra a precarización laboral que afecta á máis da metade da poboación do noso país.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou máis de 20 mobilizacións repartidas por toda a Galiza para sinalar a responsabilidade directa dos gobernos no mantemento das desigualdades e a precariedade que padecen as mulleres.

En concreto, as concentracións da CIG tiveron lugar na Coruña, Carballo, Cee, Ferrol, As Pontes, Lugo, Viveiro, Ourense, Verín, Compostela, Ribeira, Pontevedra, A Estrada, Lalín, Vilagarcía, Cambados, O Grove, Vigo, O Porriño, Cangas e A Guarda.

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, que participou na concentración en Ferrol, subliñou que para a central sindical o 8 de Marzo segue a ser unha data de loita e chamou a reivindicar “unha vida digna e en igualdade para as traballadoras de calquera idade e oficio”, tamén para as máis novas, que “seguen emigrando mentres padecemos unha crise demográfica insoportábel”.

"A pobreza segue a ter rostro de muller"

Castro denunciou que "a pobreza segue a ter rostro de muller", xa que, segundo lamenta, despois de varios anos con convocatorias de paros e  folgas, e das mobilizacións masivas, a realidade é que "non houbo cambios substanciais na situación laboral das mulleres".

A secretaria de mulleres da CIG indicou que 73,4% do emprego que se perdeu na Galiza o pasado ano foi entre as mulleres, e que dos 421.968 novos contratos asinados en 2021 a nome de mulleres, o 94,8% foron temporais. "Perto de 30% destes contratos tiveron unha duración inferior a unha semana e 43% foron de menos dun mes, o que se supón que cada traballadora asinou unha media de 3,5 contratos", criticou.

Asemade, subliñou que case 77% dos contratos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, máis da metade por non  atopar traballo a xornada completa, mentres que 20% alegaron motivos de coidado fronte a tan só 4% dos homes.

Tamén fixo referencia aos "baixos ingresos que perciben as mulleres", e detallou que, mentres 32,5% dos homes obtiveron uns salarios inferiores ao SMI, esta porcentaxe increméntase até 46,7% no caso das mulleres. Segundo os últimos datos publicados pola Axencia Tributaria referidos ao ano 2020, a fenda salarial foi do 19%, "pero non porque mellorara a situación das traballadoras, senón porque foron maioritariamente mulleres as que estabamos en actividades esenciais e os homes os que estiveron maioritariamente en ERTE. De non ser así, a fenda sería maior", alertou a secretaria confederal.

Concentracións doutros sindicatos

Pola sua parte, Comisións Obreiras (CCOO) convocou varias concentracións en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Viveiro, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, mentres que a CUT convocou unha única concentración en Vigo, fronte a Inspección de Traballo.