O 8-M máis alá do 8 de marzo

As reivindicacións do Día Internacional das Mulleres, os motivos para saír ás rúas a protestar, continúan a estar vixentes. A desigualdade e a violencia machista non desapareceron dunha semana para outra. O 8-M segue a ser necesario alén do 8 de marzo. 
australia_asasinadas_2008-2021
photo_camera Lista das mulleres asasinadas en Australia por violencia machista desde 2008, onte en Melbourne (Foto: Antoun Issa / Twitter)

Así se entendeu en lugares tan distantes como Europa, América e Oceanía, onde nas últimas horas as mulleres volveron manifestar a dor e a rabia acumulada polos últimos acontecementos no Reino Unido, México ou Australia, que puxeron de manifesto a situación de indefensión ante o acoso sexual e a violencia que moitas delas padecen a diario.

O pasado 3 de marzo, Sarah Everard desapareceu cando camiñaba por Brixton, un barrio no sur de Londres, tras saír do apartamento dunha amiga. Unha semana despois, Scotland Yard atopaba os seus restos nun bosque, a uns 50 quilómetros do lugar da desaparición. Na súa lembranza e como forma de protesta, a asociación Reclaim These Streets ("Reclama estas rúas") convocou unha vixilia, que en principio ía ser individual, colocando unha candela fronte á porta de cada casa, polas restricións da Covid-19.

O xesto foi seguido ao longo de toda a illa da Gran Bretaña, desde Escocia até Cornualles pasando por Gales, recolleu  o periódico The Guardian. Mais en Inglaterra, centos de persoas, a maioría mulleres, reuníronse pacificamente no parque Clapham Common, perto de onde Everard foi vista con vida por última vez, desafiando a prohibición. A concentración pola asasinada e para exixir que as mulleres se poidan sentir seguras en lugares públicos acabou sendo disolta con contundencia pola Policía.

Catro mulleres foron detidas e os periódicos británicos amenceron o domingo con imaxes dos choques entre as manifestantes e axentes da policía no parque. A de Patsy Stevenson, de 28 anos, reducida e esposada no chan xa é icónica. 

A actuación de Scotland Yard foi especialmente criticada por varias razóns: primeiro, porque o principal sospeitoso da morte de Everard é un axente deste corpo, que días antes do secuestro protagonizara un episodio de exhibicionismo; e segundo, porque a Policía recomendou ás veciñas do barrio da asasinada que fosen con cautela ao saíren soas á rúa.

A indignación coincide ademais co inicio, onte, do debate para unha fonda reforma do código penal británico. O primeiro ministro, Boris Johnson, dixo estar "profundamente preocupado" pola actuación policial, ao tempo que deu o seu apoio á xefa de Policía, Cressida Dick, segundo informou a canle pública BBC. Ademais, convocou unha reunión ministerial para abordar formas de protexer as mulleres.

Porén, desde o Partido Laborista pediuse menos promesas e máis acción. Por exemplo, un endurecemento das penas para o violadores e outro tipo de medidas contra o acoso na rúa. Os laboristas xa anunciaron que votarán en contra da reforma penal, argumentando que no se menciona as mulleres nin unha soa vez nas case 300 páxinas do proxecto de lei.

"Gobernador violador"

Tamén ao outro lado do Atlántico a chama da batalla feminista continúa acesa. Na noite do domingo, colectivos de mulleres usaron a fachada do Palacio Nacional de México DF ─escenario o pasado 8 de marzo de duros choques  entre as manifestantes e as 1.700 axentes da Policía despregadas─ para proxectar diversas mensaxes de denuncia da violencia machista.

E tamén para volver denunciar a designación ─oficial xa desde esta pasada fin de semana─ de Félix Salgado Macedonio como candidato a gobernador do Estado de Guerrero nas eleccións de xuño. Concorrerá polo Morena, partido do presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador. Salgado está acusado de violación por varias mulleres, nun país que sofre unha das peores cifras de feminicidios do mundo. 

 As organizacións feministas consideran que as políticas sociais de López Obrador deixan de lado a metade da poboación  mexicana, e que durante a súa presidencia pouco se fixo para frear a violencia machista. "Un violador será gobernador", "AMLO [siglas polas que é coñecido o presidente] cae na conta" ou "Non + violencia" foron algunhas das frases proxectadas no edificio sede do Goberno e residencia presidencial, apuntou o xornal La Jornada.

Ademais, difundiuse nas redes sociais un documento elaborado por organizacións de mulleres e dirixido a López Obrador, onde se denuncia que México se converteu nun "Estado feminicida" e o seu Goberno ve no feminismo "a súa principal oposición". "Descualificar a violencia na nosa contra normalízaa", apuntan.

March 4 Justice

E nas antípodas xeográficas, mais cun sentimento próximo, ducias de miles de persoas saíron ás rúas das principais cidades de Australia impulsadas pola onda de acusacións de acoso sexual en altas esferas da política, recolleu ABC. Na súa maioría mulleres vestidas de negro e convocadas pola plataforma March 4 Justice ("Marzo pola Xustiza", facendo un xogo de palabras co número 4 en inglés) exixen catro medidas "inmediatas".

Estas son, segundo recollen na súa páxina web: Investigacións independentes con responsabilidade plena sobre os casos de violencia sexista; a implementación das 55 recomendacións da Comisión de Dereitos Humanos Australiana sobre acoso sexual no traballo; maiores axudas económicas para previr este tipo de violencia; e a aprobación dunha lei federal sobre igualdade.

As protestas xorden logo de que o fiscal xeral de Australia, Christian Porter, fose acusado hai unhas semanas dunha violación supostamente cometida en 1988, algo que el nega. E tras varias mulleres denunciar que foran violadas na sede do Parlamento polo mesmo home cando traballaban en diferentes postos dentro do Gabinete do primeiro ministro, Scott Morrison.

Comentarios