O TSXG recoñece que a Xunta “vulnerou o dereito fundamental de folga” o 8 de marzo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declara a nulidade dos servizos mínimos fixados para ese día após estimar de forma parcial un recurso presentado pola CIG. En concreto, o auto apoia a versión da central sindical "na impugnación dos centros dependentes de Política Social, transporte de residuos, centros educativos (persoal coidador, de limpeza e comedores), MeteoGalicia, Axencia Tributaria da Galiza, Servizo de Epidemioloxía e de Doenzas Transmisíbeis e CRTVG".
Manifestación do 8 de marzo decorrida na Coruña. (Foto: CIG) #vulneración #dereitos #dereitosfundamentais #xunta #folga #cig #8m
photo_camera Manifestación do 8 de marzo decorrida na Coruña. (Foto: CIG)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) xa ten sentencia ao recurso presentado pola CIG contra os servizos mínimos que decretou a Xunta coincidindo coa folga de mulleres convocada e decorrida o pasado 8 de marzo. Segundo o sindicato, na súa conclusión o tribunal galego "considera que ese decreto vulnera o dereito fundamental á folga ao impedir, cos abusivos servizos mínimos fixados, a participación nos paros de moitas mulleres".

En concreto, o TSXG dá a razón a CIG na impugnación dos centros dependentes de Política Social, transporte de residuos, centros educativos (persoal coidador, de limpeza e comedores), MeteoGalicia, Axencia Tributaria da Galiza, Servizo de Epidemioloxía e de Doenzas Transmisíbeis e CRTVG.

Após coñecerse esta estimación parcial do escrito sindical, a secretaria confederal das Mulleres no sindicato galego, Nicolasa Castro, lamentou que "ano tras ano" se dean as mesmas situacións.

"Convocatoria tras convocatoria desde o Goberno do PP na Xunta decrétanse servizos mínimos abusivos que acaban sendo anulados polos tribunais”, incidiu Castro esta sexta feira.

Para a representante laboral, é unha "teima da administración" pois, asegura, a CIG lembra en todas as xuntanzas que non se poden estipular uns servizos mínimos "exaxerados".

Intento de "boicotear" a defensa dos dereitos

A pesar de "seren posteriormente anulados, cópianse literalmente no decreto seguinte sen argumentar nin xustificar a súa necesidade”, critica. De feito, afirma que este mesmo punto de vista aparece recollido no documento feito público polo TSXG.

A secretaria das Mulleres considera “gravísimo” que a propia administración pública “vulnere unha e outra vez un dereito fundamental como o de folga”. 

Así, acusa a Xunta de "intentar boicotear calquera intento de defensa dos dereitos das mulleres traballadoras, neste caso, ou de calquera persoa traballadora, en caso precedentes tamén anulados polos tribunais”.

Comentarios