Mulleres con endometriose: "A baixa laboral non pode contribuír a normalizar a dor de regra"

Concentración de mulleres con endometriose na praza Roxa de Compostela o pasado 26 de marzo. (Foto: Nós Diario).
A dor é un indicativo de que algo vai mal, por iso desde QuerEndo reclaman non se conformar cunha baixa laboral que vai supoñer un grande alivio para moitas mulleres que sofren unha menstruación dolorosa e incapcitante. O importante é investir en investigación, dar coa orixe do problema e conseguir un diagnóstico.

Nas páxinas de 'Opinión' do Nós Diario desta quinta feira escribe a médica psiquiatra do Servizo Galego de Saúde Iria Veiga: "Coa endometriose atopámonos ante a tormenta perfecta: un trastorno que só padecen as persoas que menstrúan, que se manifesta principalmente por un síntoma subxectivo como a dor e que afecta a un gran tabú como é a regra".

É o colofón dun artigo no que debulla a inclusión das baixas laborais específicas por menstruacións dolorosas e incapacitantes na nova lei do aborto aprobada a pasada terza feira no Consello de Ministras e Ministros, que sitúa no foco as mulleres con endometriose, unha doenza "que parece caer no punto cego da medicina", conclúe Veiga.

Rachar co estigma

A endometriose é unha enfermidade inflamatoria de orixe descoñecida e sen tratamento. Caracterízase por fortes dores paralizantes durante a menstruación, nalgúns casos tamén durante a ovulación. Nos estadios máis graves a dor é constante, crónica, e impide unha vida social, laboral e persoal normal calquera día.

Para as mulleres de Querendo, a decisión do Goberno de incluír na lexislación unha baixa laboral específica é "unha boa noticia". "Despois de todo estase a falar da regra e da dor de regra. É estupendo que se lle dea visibilidade", un paso necesario para rachar cos estigma e os tabús que acompañan de sempre o ciclo menstrual.

Con todo, non se conforman, e advirten do risco de que esta medida impida avanzar "no importante". "A dor de regra non é normal", explica Cristina Fernández, presidenta do colectivo. "Unha dor que non che deixa facer unha vida normal hai que mirar de onde vén. Iso é o relevante, chegar a saber por que doe a regra e ter un diagnóstico".

Fernández alerta do risco de que as baixas laborais específicas contribúan a normalizar unha dor que non o é. "É certo que esas baixas vanlle facilitar a súa vida laboral a moitas mulleres". En Querendo hainas que perderon o traballo por faltar cinco ou seis días ao mes por culpa da dor. "Pero non pode quedar aí. O que precisamos é un diagnóstico e que se invistan cartos en formación e investigación para detectar esta doenza" e calquera outra que poida estar detrás dunha regra dolorosa e incapacitante.

Baixa desde o primeiro día

A endometriose acumula, de media, oito anos de atraso no diagnóstico. Afecta a unha de cada 10 mulleres no mundo, unhas 60.000 galegas. Un 15% presenta as súas formas máis graves e 50% sofre infertilidade. Segundo os datos económicos que manexa Querendo, o custo sanitario medio anual é de 3.113 euros por cada muller con endometriose, unha das doenzas que máis baixas provoca, cun custo medio anual de 9.579 euros e de 6.298 por perda de produtividade laboral.

Estes datos xustifican calquera iniciativa que implique ir máis aló da dor de regra, sinala Cristina Fernández. A dor é un aviso de que algo vai mal, que cómpre identificar e tratar. "Non hai que aguantar". As baixas laborais chegan para ofrecer certo alivio. Serán ditaminadas por persoal médico e custeadas pola Seguridade Social desde o primeiro día, sen prazo máximo para ese permiso nin obriga de cotización previa.