As mulleres artistas e a Galiza, protagonistas dos obradoiros de verán do Museo de Pontevedra

Unha vista da exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' no Museo de Pontevedra. (Foto: N
Serán catro obradoiros entre os meses de xullo e agosto.

O Museo de Pontevedra vén de abrir esta segunda feira o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2022 cunha "variada" proposta de actividades para crianzas entre 6 e 12 anos. Estará aberto até o 27 de xuño.

Baixo os títulos O club dos pinceis, Arte Rupestre, Pintura Contemporánea e Obxectivo Galicia, as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo temáticas e creatividades relacionadas coa arte feita por mulleres, a arte prehistórica e a cultura galega en sesións que se desenvolverán entre o 5 de xullo e o 26 de agosto.

A inscrición debe facerse a través de correo electrónico. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia.

Obradoiros

As participantes do primeiro obradoiro, O club dos pinceis, "experimentarán con diferentes formas de expresión plástica e coñecerán algunhas das mulleres artistas da colección propia do Museo. O número de participantes é de 15 e terá unha duración de catro sesións en horario de 11 a 13 horas. Desenvolverase do 5 ao 8 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 12 ao 15 de xullo para rapazada de 10 a 12 anos.

O segundo obradoiro será o de Arte rupestre. Pretende achegarse ao mundo da arte rupestre, coñecendo diferentes manifestacións artísticas realizada sobre roca mediante debuxo, pintura ou gravado. O número de rapazas e rapaces participantes tamén será dun máximo de 15 e a duración, igualmente, de catro sesións en catro días diferentes en horario de 11.30  a 13 horas. Para nenas e nenos de 6 a 9 anos impartirase do 19 ao 22 de xullo e para idades entre 10 e 12 anos do 26 ao 29 de xullo.

O terceiro obradoiro será o de Pintura contemporánea, que estará desenvolvido por Lúa Gándara. Trátase dunha actividade infantil baseada na arte contemporánea no que partindo da obra de Maruxa Mallo, María Antonia Dans, Almudena Fernández e Tatiana Medal exploraranse diferentes conceptos plásticos e conceptuais. A cabida máxima é de 15 persoas e tamén se desenvolverá en catro sesións (catro días) en horario de 11 a 13 horas Do 2 ao 5 de agosto será a quenda para a rapazada de 6 a 9 anos e do 9 ao 12 de agosto para nenas e nenos de 10 a 12 anos.

Finalmente, o último obradoiro do verán será Obxectivo Galicia. Nel traballarase coa exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson, que terá lugar do 4 de agosto ao 23 de outubro. Como nos outros obradoiros, o número máximo de participantes é de quince crianzas, que acudirán durante catro sesións en catro días ao Museo, en horario de 11 a 13 horas. As quendas repártense tamén do 16 ao 19 de agosto para crianzas de 6 a 9 anos e do 23 ao 26 de agosto para rapazada de 10 a 12 anos.