Muda a estrutura da ABAU de 2024: estes serán os novos horarios das probas

Un estudante durante un exame da ABAU de 2023 en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
A CiUG publicara inicialmente un horario para este ano que facía coincidir materias que era probábel que houbese alumnado que as escollese, por exemplo Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Segunda Lingua Estranxeira. Agora, o novo calendario sepáraas e espaza outras materias para evitar que unha estudante acumulase moitos exames nunha mesma xornada.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) xa publicou os horarios oficiais para a Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU), que terá este ano a súa convocatoria ordinaria entre a terza feira 4 e a quinta feira feira 6 de xuño.

O esquema que aparece colgado na súa web non só recolle algúns cambios con respecto a anos anteriores no que respecta á orde das materias, senón que tamén modifica o horario que publicara inicialmente para este 2024 co obxectivo de facilitar a compatibilidade de determinadas materias.

A primeira xornada arrincará, tras unha presentación ás 9 horas, co exame de Lingua Galega e Literatura ás 10 da mañá. Tras hora e media de realización da proba -é a duración común a todas- e outra media hora de descanso, ás 12 do mediodía será o de Primeira Lingua Estranxeira, a escoller entre inglés, francés, alemán, portugués e italiano.

Na tarde do día 4, decorrerán os exames das primeiras materias de modalidade que os alumnos terán que elixir: a partir das 16 serán os de Física, Grego, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño, Artes Escénicas e Ciencias Xerais; e ás 18 serán os de Matemáticas, Xeografía, Fundamentos da arte, Fundamentos Artísticos e Literatura Dramática.

Será na segunda xornada cando terán lugar as probas das outras dúas materias comúns, que habitualmente se facían na primeira. Así, ás 9.30 horas da cuarta feira día 5 será a proba de Lingua Castelá e, a partir das 11.30 horas, os de Historia de España e Historia da Filosofía.

O alumando terá que escoller entre estas dúas últimas, igual que se facía anos atrás. E é que, a diferenza doutros territorios do Estado que seguiron o estabelecido polo Goberno español, na Galiza non se poderán realizar ambos os exames para empregar un deles -Historia de España ou Historia da Filosofía- para subir nota na parte específica da ABAU.

Seguindo co calendario, na tarde do día 5 de xuño celebraranse máis probas de materias optativas. A partir das 16 horas serán os de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Latín, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Movementos Culturais e Artísticos; mentres que, desde as 18 horas, serán os de Química, Historia da arte, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Análise Musical.

O último día da ABAU, quinta feira 6 de xuño, só terá xornada de mañá e estará destinado integramente a materias de modalidade. Así, ás 9.30 horas serán os exames de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñería, Deseño, Historia da Música e da Danza, e Segunda Lingua Estranxeira. A selectividade finalizará coas probas, a partir das 11.30 da mañá, de Debuxo Técnico, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, Debuxo Artístico e Coto e Técnica Vocal.

A CiUG publicara inicialmente un horario para este ano que facía coincidir materias que era probábel que houbese alumnado que as escollese, por exemplo Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Segunda Lingua Estranxeira. Agora, o novo calendario sepáraas e espaza outras materias para evitar que unha estudante acumulase moitos exames nunha mesma xornada.

Consultas

Sobre os formatos que terán as probas, a CiUG advirte na súa páxina web que actualmente se están recibindo "numerosas consultas" respecto diso pero que "non" as poden "resolver" porque está "á espera de que o Ministerio publique o Real Decreto" que permita esclarecelo. "Manteremos informados os centros, estudantes e familias das novidades que teñamos e lembramos que os pasos son Ministerio, Xunta da Galiza e universidades", conclúe a CiUG.