Un de cada cinco homes cre que a violencia machista "é un invento ideolóxico" e o 10% nega as desigualdades de xénero

Manifestación polo 8-M en 2020. (Foto: Arxina)
O Colexio de Psicoloxía chama a atención sobre este alarmante "retroceso" nos últimos anos e insta a reverter as estatísticas con educación en igualdade desde as aulas.

Dous pasos adiante, un paso atrás. Son innegábeis os múltiples avances logrados nos últimos anos en materia de igualdade; porén, non só queda aínda traballo por facer, senón que nalgúns aspectos mesmo se retrocede. En 2017, segundo os datos do barómetro bianual do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade, menos de un de cada catro homes aseguraba ser feminista (23,6%). Dous anos despois, a porcentaxe repuntou notabelmente até 37,3%; porén, o dato de 2021 reduciuse en case cinco puntos: 32,8%.

Esta situación repítese con outros parámetros como a percepción de que a violencia machista é un problema social "moi grave", cuestión que as mulleres teñen clara —74,2% delas afírmao, dous puntos máis que en 2019— mais non tanto os homes, xa que só a metade (50,4%) cre que se trata dunha cuestión importante —hai dous anos eran 54,2% dos homes os que vían "moi grave" a violencia contra a muller—.

De feito, un de cada catro homes cre que a violencia machista é un fenómeno "inevitábel" porque, aínda que "está mal", "sempre existiu" (24,4%), mentres un de cada cinco (20%) directamente nega que exista tal violencia ou que é "un invento ideolóxico inexistente", mentres o 15,4% cre que "non é un problema se é de baixa intensidade" e até 14% opina que é algo "habitual no seo da parella". Aliás, un de cada dez homes nega as desigualdades de xénero.

 

O Colexio Oficial de Psicoloxía (COP) da Galiza pon o foco este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, nestas estatísticas que considera esencial reverter, nomeadamente, por medio da "implantación de accións de prevención dirixidas ás xeracións máis novas que permitan corrixir as históricas desigualdades entre homes e mulleres". "É innegábel que se produciron poderosos avances en materia de igualdade no noso país, pero a corrente transformadora está a frear, cando non retrocedendo", censuran.

Desde o COP chaman a atención noutro dato salientábel deste estudo: un de cada dez mozos asegura que "ser un home de verdade" significa ter sempre a última palabra, a mesma proporción de homes que "vive a masculinidade dunha maneira aliñada coas ideas máis machistas que xustifican o uso de violencia ou a prostitución", advirten as profesionais de psicoloxía. "Estas mesmas investigacións sinalan que a mocidade que se identifica coa masculinidade hexemónica tradicional presenta peores indicadores de saúde mental, manifesta menores niveis de felicidade e experimenta unha maior presión social", engaden.

Neste senso, o Colexio incide na importancia de "concienciar sobre a realidade das violencias machistas, as súas manifestacións e as súas consecuencias", algo que ve "imprescindíbel" diante dunha "problemática grave que afecta tamén moitas adolescentes". "Do mesmo modo que falamos da necesidade de deconstruír os prexuízos e estereotipos machistas, é necesario construír diferentes modelos de relacionarnos, combater o negacionismo da violencia de xénero e fomentar actitudes e condutas máis respectuosas e libres de violencia", precisan.

Para logralo chaman a garantir unha "socialización en igualdade" desde as idades máis temperás que permita "desterrar os roles, prexuízos e estereotipos de xénero". Neste punto xogan un papel crucial os centros de ensino: "A coeducación, é dicir, a educación en igualdade para evitar as discriminacións ou desigualdades por motivo de xénero, é esencial para desmontar as bases da desigualdade no principal contexto no que se relacionan os nenos, nenas e adolescentes, que son as súas escolas, colexios e institutos".

Mais os centros educativos precisan dos recursos necesarios para garantir esa coeducación, polo que desde o COP urxen "investir en prevención a través dos recursos e instrumentos de educación e socialización co fin de eliminar os comportamentos e actitudes sexistas en todas as etapas educativas", apostando na figura do psicólogo ou psicóloga educativa.