Os coidados tamén contan: a Xustiza decreta compensacións a mulleres "polo traballo doméstico non retribuído"

A localidade andaluza de Vélez-Málaga colleu protagonismo nas últimas horas após obrigar unha xuíza a un home a indemnizar a súa ex muller con máis de 200.000 euros por ocuparse "en exclusiva" das crianzas e dos labores do fogar durante todo o matrimonio, "quedando privada de toda posíbel traxectoria laboral". O pasado mes unha redondelá foi a primeira galega en lograr esta compensación, por valor de 35.000 euros.
#casa #aspiradora #limpeza (Foto: Nós Diario)
photo_camera A muller "estivo privada de toda posíbel traxectoria laboral por esa dedicación exclusiva ao fogar e a familia", entende a xuíza andaluza. (Foto: Nós Diario)

Os coidados e as tarefas domésticas son tamén un emprego e, como tal, deben ser xustamente recoñecidos e remunerados. 'Sen coidados non hai vida' fora, precisamente, o lema do feminismo galego no 8-M de 2021, e tamén unha das súas principais reivindicacións nestes últimos anos, tendo en conta que estes traballos adoitan recaer nas mulleres. Agora un xulgado de Vélez-Málaga (Málaga, Andalucía) dá a razón a esta premisa nunha histórica sentenza.

Unha veciña deste municipio interpuxo a finais de 2020 unha demanda de divorcio contra o seu ex marido, do que se separara pouco tempo atrás, que vén de ser resolta cun resultado favorábel para ela. O home deberá indemnizala con 204.624,86 euros a modo de "compensación polo traballo doméstico realizado no fogar e non retribuído" durante os 25 anos que estiveron casados.

A sentenza, que recolle tamén o dereito da demandante a percibir unha pensión compensatoria de 500 euros mensuais durante dous anos —tempo que estima "axeitado" para que poida reincorporarse ao mercado laboral— e unha repartición equitativa dos gastos de vivenda e extraordinarios, argumenta que a muller desenvolveu "en exclusiva" todas as tarefas domésticas e o coidado das dúas crianzas.

Entende a xuíza que a demandante "estivo privada de toda posíbel traxectoria laboral por esa dedicación exclusiva ao fogar e a familia", mentres o home "ao longo dos anos de matrimonio acumulou e incrementou exponencialmente o seu patrimonio", sen que isto repercutise tamén na muller, dado que asinaran antes da voda a separación de bens.

A indemnización de máis de 200.000 euros calculouse conforme o salario mínimo interprofesional (SMI) de cada ano. "A muller dedicouse en exclusiva ao coidado do fogar e a familia, con todo o que iso implica", incide a maxistrada no veredicto.

Redondela

Hai menos dun mes produciuse un caso semellante na Galiza. A Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou a mediados de febreiro unha sentenza previa que recoñecía o dereito dunha veciña de Redondela, após o divorcio, a percibir unha compensación polo coidado das crianzas e os labores feitos na casa durante os anos que durou o matrimonio.

Esta muller foi a primeira en reclamar e lograr esta indemnización na Galiza, que a xuíza cifrou en 34.980,15 euros nun veredicto que tornará en firme se o ex marido desbota presentar un novo recurso.

Comentarios