O movemento social contra a mina de Touro salienta a “unidade” e a “mobilización” como chaves que frearon o proxecto

Nunha comparecencia en Carril advirten que van “seguir adiante” e piden a “restauración” da antiga mina e a súa contorna.

Unha representación dos diferentes colectivos e entidades que ao longo destes case tres anos se mobilizaron contra a reactivación do proxecto mineiro en Touro compareceron esta sexta feira en Carril, na Ría de Arousa, para valorar a decisión da Xunta, coñecida esta terza feira, de paralizar ese plan extractivo.

“En primeiro lugar, queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeiras e labregas, cooperativas agrarias, veciñas, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas”, manifestaron.

“Unidade” e “mobilización” foron dúas palabras que, subliña este movemento, explican o por que desa decisión da Xunta.

 “A Xunta foi a gran valedora desta iniciativa” mineira, denuncian,  e só a través da implicación, constancia e loita de todos estes sectores, apontan, puido paralizarse. .

Insisten en que o proxecto estaba marcado pola “insostibilidade”, e  foi “o clamor popular o que provocou o desenlace”. Un motor mobilizador ao que engaden “as recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente” e os “posíbeis custes electorais á beira dunhas autonómicas”.

Lembran que os efectos da antiga mina levan presentes 30 anos e aí vai seguir a centrar os seus esforzos esta plataforma social. “Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a restauración da antiga mina e a súa contorna”, manifestan.  “O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de perto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar”.