A loita veciñal enterra o proxecto dunha mina en Touro e O Pino

O 10 de xuño de 2018 unha multitude berrou contra a mina en Compostela (Imaxe: Galiza Contrainfo).
Desde agosto de 2017 as veciñas de Touro e O Pino loitan pola clausura dun proxecto mineiro a ceo aberto nas súas terras.  Tras organizarse, presentaron alegacións, recolleron sinaturas, petaron nas portas da Administración e cruzaron a fronteira do Estado para denunciar a súa situación. Onte souberon que a Xunta da Galiza emitiu a Declaración de Impacto Ambiental negativa que pon fin a posibilidade dunha explotación na comarca.

Tras case dous anos e medio dunha loita que as levou a percorrer máis de 1.700 quilómetros, veciñas de Touro e O Pino celebraron onte a declaración de impacto ambiental negativo (DIA) que pon fin ao proxecto dunha mina de cobre a ceo aberto nos seus municipios. "Despois de aportar durante meses informes que avalasen a nosa posición, dásenos a razón", afirman as integrantes da plataforma cidadá Mina Touro-O Pino Non en declaracións a Nós Diario, nas que aseguran que se senten "eufóricas".

A conselleira de Medio Ambienta, Ángeles Vázquez, explicou onte a decisión da Xunta da Galiza de emitir unha DIA negativa após os informes "desfavorábeis" de Augas da Galiza e de Patrimonio Natural. "Tal e como estaba redactado non se garantía a sostibilidade ambiental". A DIA será trasladada á Consellaría de Industria, para  que cancele definitivamente o proxecto, mais a empresa aínda pode recorrer aos tribunais.

Parabenizámonos polo traballo feito, por aguantar tanto tempo, afirman desde a plataforma

É a segunda ocasión na última década na que a presión veciñal consegue paralizar un proxecto mineiro na Galiza. En 2014, a poboación da Costa da Morte conseguiu enterrar o dunha mina de ouro en Corcoesto. "Parabenizámonos polo traballo feito, por aguantar tanto tempo e por non desanimarnos a pesar de ter pasado por horas baixas", expresan as integrantes da plataforma.

Nacemento da plataforma 
A creación do colectivo foi posterior ao anuncio no Diario Oficial da Galiza, un 25 de agosto de 2017, do proxecto dunha explotación de cobre nos terreos da antiga mina de Cobre San Rafael. A poboación, alertada polo anuncio, mobilizouse e recolleu case 1.500 alegacións en contra. Xa conviviran cunha mina por veciña e rexeitaban facelo de novo.

Naqueles primeiros pasos contaron co apoio do Sindicato Labrego Galego, a Rede Contra a Minaría Destrutiva da Galiza, a Federación Ecoloxista Galega ou a Federación Rural Galega. "Sabiamos das eivas do proxecto, mais precisabamos o apoio de técnicas na materia que nos dixesen se estabamos tolas ou se tiñamos razón”, din desde a plataforma. Comezaba o que chegaron a denominar un "doutoramento express en minaría".

Sabiamos das eivas do proxecto, aseguran as veciñas

A empresa local Explotacións Galegas S.L. é dona dos terreos da antiga mina de San Rafael. "Mercounos co suposto propósito de restauralos, pois a antiga explotación provocou danos ao territorio e unha afectación ás augas, mais hoxe en Touro temos uns ríos danados pola drenaxe aceda. A situación ficou latente e agora pretendían non só perpetuala, senón ampliala", denuncia a plataforma.

A explotación que vén de paralizar a Xunta da Galiza tería abarcado até 689 hectáreas, cunha vida útil de 16 anos. Nela prevíase a retirada, a través de voaduras, de até 267 millóns de toneladas de terra que, após procesada para extraer o metal desexado, sería almacenada en dúas balsas. As veciñas, como onte tamén recolleu a Administración, denunciaron a afectación do proxecto ás augas que fluían á conca do río Ulla e súa desembocadura na ría de Arousa. 

O non da Administración
Os argumentos en contra da mina beberon da documentación do proxecto, que nunca foi compartida na súa totalidade coas veciñas afectadas, e da lei vixente. "As técnicas da Xunta corroboraron as nosas afirmacións, mais concederon á empresa novas oportunidades", denuncian as veciñas. 
En 2018 varios a Dirección Xeral de Saúde, a de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Augas da Galiza, Patrimonio Natural e o Servizo de Montes de Medio Rural reflectiron deficiencias de fondo e forma no proxecto mineiro, irregularidades ou incongruencias nos documentos da empresa.
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube