O movemento feminista denunciará o Estado español pola desprotección de Isabel Fuentes

[Imaxe Galiza Contrainfo]

A iniciativa, que se enmarca nunha campaña máis ampla, pedirá responsabilidades polo feminicidio de Ourense.

 

'Paremos o feminicidio'. Este é o lema da campaña que foi presentada esta terza feira en Ourense polo movemento feminista ourensán. O obxectivo, explican, "visibilizar a desprotección sufrida por Isabel Fuentes", a muller asasinada no hospital público da cidade das Burgas o 8 de maio, mais tamén a que atinxe a "todas as mulleres" en situación de violencia machista perante "a falta de implicación e compromiso das políticas públicas e institucións". 

O feito de que existisen indicios de que Fuentes fora ingresada no CHUOU após unha agresión anterior, din, podería constituír unha "neglixencia do poder xudicial" ao ter "negado protección a unha muller que foi finalmente asasinada perante a pasividade das autoridades". 

Denuncia xudicial

Neste senso, avanzaron a constitución dun "grupo de traballo legal para a redacción dunha reclamación administrativa para pedir responsabilidades" logo de que, denuncian, non foran aplicados os protocolos nen mecanismos de prevención que poderían ter evitado o feminicidio. Esta reclamación, sinalan, será presentada por volta da primeira quincena de xuño. 

A campaña procurará adhesións ás reclamacións administrativas e denuncia xudicial através da rede e na rúa

Mais non quedarán aí. Destarte anunciaron que presentarán unha denuncia xudicial contra o Estado español "pola indefensión das mulleres fronte aos agresores" e "a pasividade das institucións". 

Tanto a reclamación como a denuncia estarán acompañadas pola recollida de adhesións que lanzaron através do portal web feminismo.info/feminicidio. 

De maneira paralela encetan unha campaña de queixas perante o Consello Xeral do Poder Xudicial através dos distintos tribunais do país nos que presentarán, de maneira simultánea, queixas polo asasinato de Isabel Fuentes e reclamarán medidas de protección para todas as mulleres en situación de violencia. Aliás, remitirán unha reclamación ao Valedor do Pobo para o que tamén desenvolverán unha campaña de recollida de adhesións. 

A campaña, impulsada en Ourense, fica aberta á incorporación de movementos e colectivos feministas de toda Galiza.

Cumpre lembrar que esta cuarta feira terán lugar concentracións simultáneas perante os xulgados das cidades en rexeitamento dos asasinatos machistas e a indefensión das mulleres en situación de violencia.