A mostra ‘O sindicalismo galego na transición (1972/1977)’ xa pode visitarse na Coruña

2016-12-27-ExpoSindicalismoACorunha-03

Permanecerá no Pavillón de Estudantes da UdC (Campus de Elviña) até o próximo 13 de xaneiro. “Naqueles anos o sindicalismo nacionalista optou pola ruptura. Iso marcará a nosa historia posterior", afirmou Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras.

A exposición "O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977)’  xa se pode visitar na Coruña. A mostra, procedente de Ferrol, permanecerá no Pavillón de Estudantes da UdC (Campus de Elviña) até o próximo 13 de xaneiro. Esta exposición, consistente en 13 paneis nos que se aborda cun enfoque divulgativo a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista aqueles anos, forma parte dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de arquivo e documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da CIG e de fondos do sindicalismo nacionalista. O proxecto está conformadado por esta exposición, pola edición dun caderno divulgativo de 32 páxinas do cal se editaron 5.000 exemplares, e a realización dun vídeo documentario de 15 minutos.

O acto de inauguración da mostra, que após Coruña collerá rumbo Compostela, contou coa participación de Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña , colaboradora neste proxecto.

Mera subliñou a importancia fundamental daquel período histórico para a configuración do nacionalismo galego no ámbito sindical. Un período, apuntou, no que se tomaron as decisións correctas, tal e como o demostra "o feito de termos hoxe unha central sindical como a CIG, a punto de ser primeira forza en Galiza en número de delegados e que dende hai anos é a primeira en afiliación e capacidade mobilizadora. Isto é produto de todas esas decisións políticas dos anos 70".

Lembrou que o sindicalismo nacionalista optou pola ruptura. “Iso marcará a nosa historia anterior e posterior”. Mera quixo salientar o esforzo, a vontade e a entrega "dunha gran cantidade de compañeiros e compañeiras que, sendo moi novos puxeron por diante de todo cambiar a realidade do noso país".