Uxío-Breogán Díeguez

“O sindicalismo nacionalista partiu de cero, con todo en contra, e foi quen de organizar miles de traballadores”

Uxio Breogán Diéguez

Historiador e profesor universitario, é o comisario da exposición 'O sindicalismo galego na Transición 1972-77', que permanece até o 25 deste mes na Facultade de Humanidades de Ferrol para despois trasladarse a outros puntos de Galiza, como A Coruña ou Compostela. 

Era 1972 e, embora a represión, o asfixiante control e a violencia da ditadura franquista, agromaban xermes como o da Fronte Obreira da UPG ou, no campo estudantil, ERGA. Cinco anos despois, 1977, no estado asínábanse os pactos da Moncloa e en Galiza creábase a ING (Intersindical Nacional Galega), unha ferramenta sen a que non se pode explicar a clase traballadora galega. 1972 e 1977 son os anos nos que se centra a mostra 'O sindicalismo galego na transición', título da exposición que a Fundación Mocho Reboiras, en colaboración coa Deputación da Coruña, mostra na Facultade de Humanidades de Ferrol. Trece paneis e proxección permanente de vídeo a través dos que adentrármonos na xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na transición. Falamos con Uxío-Breogán Diéuguez, historiador, profesor universitario e comisario da mostra.

- Que debemos ter en conta cando falamos de sindicalismo galego na transición?

- Hai dúas cuestóns centrais. Por unha banda, que se parte de cero. O que durante a II República, ao redor do Partido Galeguista, se puido avanzar en chave nacional foi botado abaixo no golpe militar do 36. Se nos situamos a finais dos 60 e principios dos 70, daquelo practicamente nada ficaba. O que podía ficar, era no exilio, e desde o punto de vista obreiro, non había realidade organizada. Ese sindicalismo, ese movemento obreiro que nace na Galiza da 'transición' en chave nacionalista ten o grande mérito de desenvolverse nunha realidad adversa, tanto por ser ditadura como por carecer de apoios e referentes previos. Tiña todo en contra. Aínda así foi quen de ir organizando toda unha forza, que acaba dando lugar entre o 1972 e 75 ao que vai finalizar callando na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG)

Ese sindicalismo nacionalista ten o grande mérito de desenvolverse nunha realidad adversa, tanto por ser ditadura como por carecer de apoios e referentes previos

- Como era aquela Galiza dos anos 70?

- Era unha Galiza aínda apenas industrializada, con empresas e industrias de enclave, propia dunha colonia subdesenvolvida e onde en plena ditadura, e nesa antesala do 72, aínda estamos nunha realidade onde a oligarquía capitalista vinculada á propia ditadura campaba ás súas anchas. Había unha interelación entre o poder político e económico moi, moi íntima, case se fundían. Nas vilas, en moitos casos, a mesma persoa era alcalde e patrón. Esas relacións íntimas entre poder económico e político sempre o hai, mais agora son máis sibilinas.

A vitoria dese sindicalismo obreiro nacionalista, vitoria en canto que logra sobrevivir embora a falta de medios e falta de implantación, aínda, do nacionalismo política estruturado naquela altura, é dar organizado a centos, e cos anos miles, de traballadores e traballadoras. Cousa que deriva de non terlle desputado nun primeiro momento, e como ten sinalado Bernardo Máiz, a súa presenza ao sindicalismo de matriz española en grandes factorías. Trabállase fundamentalmente en pequenas empresas... e grazas a esa rede que se vai articulando e á presenza, en principio escasa e co paso do tempo relevante, en factorías de maior tamaño, dáse lugar a que se vaia consolidando o que en xénese era o Sindicato Obreiro Galego e que despois foi a ING (Intersindical Nacional Galega, recada en 1977).

- Eran uns anos nos que había conflitividade laboral embora a represión franquista. En 'O sindicalismo galego na transición', de Pablo Guimeráns e outros autores, lembran que só en 1970 houbo en Galiza máis de 1.600 greves. Iso bate coa idea dunha Galiza pasiva ou sumisa

A idea da Galiza sumisa é unha idea a desterrar de vez. Ao igual que en calquera país, en Galiza as tensións sociais, de clase, sempre foron unha realidade. Que sucede? Pois que co franquismo, prohibidas as organizacións sindicais e políticas, a maior parte das mobilizacións dábanse dun xeito máis semellante ao que podía ser os finais case do século XIX e non ao escenario actual. Entón, que se facían? Paros encubertos, boicotes encubertos, accións moitas veces clandestinas e que deixaban, na prensa, un rastro nulo. Mais facían que as organizacións obreiras gañasen un respecto, unha credibilidade.

“A finais dos 60 e principios dos 70 é o momento no que unha nova xeración de militancia cunha conciencia de clase moi elevada se integra no nacionalismo”

- Neses anos perfilábase no campo sindical unha realidade que dura até os nosos días. Un sindicalismo nacionalista e outro estatal. Cal era a interrelación, de habela, naquela altura?

- Iso está pendente de ser analizado e estudado con calma e rigor. O que si podemos dicir é que Comisiones Obreras non era nese tempo un sindicato, era un movemento social, cunha grande presenza no mundo do traballo. Mais non só aí, tamén no ámbito veciñal, de barrio... Isto é algo que debemos ter presente.

Sucedía que persoas que podían estar ou participar nos finais dos 60 e principios dos 70 nese movemento social en canto que antifranquista, foron virando de maneira gradual a un nacionalismo que tivo o seu epicentro no 64 na creación da UPG e que a partir do 69 xa vai ter unha forza e o un protagonismo. Non é unha maioría de xente, mais haina.

Tamén hai que ter en conta que a finais dos 60 e principios dos 70 é o momento no que unha nova xeración de militancia se integra nesa UPG que nun primeiro momento se crea como unha fronte patriótica e que acaba neses anos rivalizando co PCE e deixando o seu formato como fronte. Entón, ligada a esa dinámica dase unha sinerxia, tamén no mundo do traballo, desa xeración. Xente como Moncho Reboiras é quen de, cunha conciencia de clase moi elevada, ir atraendo de maneira gradual a obreiros que neses conflitos vían que na mesma lingua, no mesmo idioma e cunha grande cercanía, ese nacionalismo é a súa referenza.

A idea da Galiza sumisa é unha idea a desterrar de vez

- Na exposición non só se trata o 'sindicalismo obreiro', por denominalo así, senón que tamén se abre o abano a outras ferramentas que naceron nestes anos, como no 73 os Comités de axuda á loita labrega (CALL) ou no 72 Estudantes Revolucionarios Galegos (Erga)...

- Claro, non deixan ser diversas pezas dun todo, dunha engranaxe que se coñece como movemento nacional-popular galego. Son diversos planos da realidade no mundo do traballo: agro, fabril, estudantado... vanse criando unha serie de organizacións que fan parte dese movemento, que efectivamente se sinten formantes dun todo, e existe unha interelación entre elas e unha intersolidariedade. Esa fortaleza dá lugar a que nese 1975, e non é casual, se cree o Sindicato Obreiro Galego(SOG), a ANPG, que emerxan imediatamente antes organizacións como UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza) e outras. Todo isto é evidencia de que desde finais dos 60 e até o 75 se foron acumulando unha serie de forzas, que a partir do 75 van a seguir a medrar.

- Que papel xogou o sindicalismo galego contra o franquismo e neses primeiros anos da transición?

- O nacemento do SOG no 1975 certifica o nacemento explícito dese movemento sindical nacionalista, o que hai antes é, digamos, unha xénese, unha creación do que son as condicións obxectivas para que iso sexa realidade a partir da primavera do 75. Iso que significa? Pois que de maneria explícita non se pode falar de sindicalismo nacionalista nos 60, por exemplo. Coa creación da UPG en 1964 van creándose gradualmente unhas condicións subxectivas para que despois xermole o sindicalismo nacionalista. Non podemos aplicar a un tempo histórico, nos 60, unha categoría que aínda non existe. O que si se pode falar é do nacionalismo naqueles anos, como operaba e como deu creado esas condicións necesarias para que nacese o sindicalismo nacionalista.

- E o papel durante a denominada transición?

- Vai ser importante. particularmente, no referido á clarificación ideolóxica do proceso que se estaba a viver . O sindicalismo nacionalista, inserido entre as clases populares, entre a clase traballadora, será central para conscienciar e formar a esa maioría social que o franquista mantivera lonxe da tensión de clase. Isto dá lugar a un movemento de defensa dos intereses da clase traballadora galega, o que non se pode facer sen unha loita evidente contra o que representaba o franquismo. O papel do sindicalismo nacionalista tivo, nesta orde de cousas a súa función na loita pola 'ruptura democrática'.