Mos e A Pobra seguirán coa mobilidade limitada pola evolución dos contaxios

Mentres as restricións baixan pouco a pouco, o alcalde de Vigo xa pensa nunha 'parcelaria' das praias. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Lobios evitou o fechamento perimetral, malia que o actual aínda se prolongará uns días. Estas medidas foron aprobadas no encontro de traballo entre a Consellaría de Sanidade e o comité clínico que asesora á Xunta sobre a pandemia.

O fechamento perimetral, e polo tanto a limitación da mobilidade e a nula actividade na hostalaría, seguirá vixente nos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal. Así o acordaron responsábeis da Consellaría de Sanidade e expertas e expertos do comité clínico que asesora sobre a situación epidemiolóxica na reunión desta terza feira, após a que tamén se anunciou que están por riba do resto da Galiza 13 localidades máis.

Se ben é certo que até o sábado as fronteiras municipais serán limitantes en Mos, Lobios e A Pobra do Caramiñal, quer para saír ou entrar se non é por unha causa xustificada (estudos, saúde ou traballo), a partir da medianoite dese día -este sábado día 5 de xuño- o fechamento perimetral continuará activo só na Pobra e en Mos.

No nivel de risco alto ficarán as localidades de Viveiro e Ordes. Isto fai que haxa algunhas limitacións, sobre todo en negocios coma os bares e restaurantes.

Na xuntanza tamén se tomou a decisión de deixar que os concellos de Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos fiquen uns días no chanzo medio-alto, mentres que o resto da Galiza estará no nivel medio-baixo cunha recuperación de certa normalidade pouco a pouco.

Neste último caso, as terrazas poden estar ao 75% da súa capacidade e no interior dos estabelecementos hostaleiros aténdese ao 50% para evitar un incremento dos contaxios. Mais desde hai uns días permítense as xuntanzas de seis persoas en interiores -de espazos públicos ou privados- e de dez persoas no exterior, e tamén melloraron os permisos para entrar nos comercios.

Cambios a curto e medio prazo?

O Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado venres tamén publicou, na súa versión bis, o permiso para que os grupos cheguen ás 20 persoas en actividades culturais e turísticas, sen contar á persoa guía ou responsábel.

A priori nesta terza feira non se deron máis avances na desescalada, se ben dadas as especulacións dos últimos días haberá que agardar á cuarta feira para coñecer con detalle os temas tratados polo comité. De feito, na segunda feira falábase de suprimir as limitacións aos dereitos das persoas para xuntarse sen prohibicións ligadas aos números ou para moverse polas noites con normalidade en cuestión de "dúas semanas".

Fármacos

Outra das posibilidades que se manexaba era a retirada da obrigatoriedade das máscaras en lugares abertos no curto prazo, mais aínda non transcenderon novidades. Aliás, o Estado español estuda se ampliar o uso do medicamento de Janssen a un novo treito poboacional.

No medio destes debates, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, chegou a recomendar que se compren máis doses para ofrecer ás turistas como reclamo.

Por outra parte, a Organización Mundial da Saúde (OMS) deu o visto e prace á inoculación do oitavo remedio contra o coronavirus, o Sinovac.

O que si se sabe con seguridade é que hai varios interrogantes abertos respecto á campaña de vacinación contra a Covid-19. Por exemplo, o conselleiro de Sanidade augurou que o tratamento das e dos menores de 15 anos chegará co regreso ás aulas despois do verán.