O comité clínico confía en eliminar os límites ás xuntanzas en "dúas semanas"

Bañistas na praia de Samil este domingo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O grupo de expertas e expertos que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia tamén prevé que desaparezan as restricións que seguen activas na noite. Na práctica estas refírense, sobre todo, aos encontros de xente que non convive -tanto en interiores como en exteriores- entre a 01 e as 06 horas.

Á reunión de mañá, as e os expertos do comité clínico que asesora á Xunta sobre a evolución epidemiolóxica da Covid-19 van chegar coa idea de suprimir “en dúas semanas” os límites que seguen a existir respecto ao dereito de reunión e á mobilidade nocturna.

É dicir, o obxectivo é falar de como vai a campaña de vacinación e de como evolucionan os contaxios para ter unha primeira conversa sobre a necesidade e as garantías para que as restricións de cantidade de participantes nas reunións desaparezan.

Neste momento, hai diferentes capacidades na hostalaría segundo o chanzo de risco que teña cada municipio, mais nalgúns casos veñen de ampliarse a seis persoas as xuntanzas en interiores e a dez en espazos abertos.

Así o explicou a ex conselleira de Sanidade e directora de Cáritas Interparroquial na Coruña, Pilar Farjas, -que é parte do comité-, que engadiu a idea de que nun futuro breve tampouco haxa limitacións de carácter horario.

Neste sentido, aludiu ás prohibicións nocturnas. Se ben é certo que o toque de recoller só segue activo naqueles concellos aos que se aplica o fechamento perimetral, aínda está activa a restrición de non manter encontros nin nas casas nin no exterior entre a unha e as seis da madrugada.

Pendentes do TSXG

Segundo Farjas, traballan coa expectativa de acadar un risco baixo en todo o territorio para “aliviar as limitacións de dereitos constitucionais”.

A que fora responsábel de Sanidade lembrou, desta forma, que a prohibición de calquera tipo de mobilidade nocturna e de reunión afectan a uns dereitos que recolle a Constitución. Por iso, após decaer o estado de alarma, é o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o que está a avalar as decisións da Consellaría de Sanidade e o comité.

Mentres en localidades como Lobios melloran os datos de expansión do virus, ao grupo asesor preocúpanlle os gromos “escolares, sociais e laborais”, pero especialmente aqueles que se dan na mocidade.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, incidiu hoxe en que se poden dar pasos adiantes en cambios normativos que impliquen cuestións como que a máscara non sexa obrigatoria en espazos exteriores.