As mortes en residencias, preto das cifras da primeira vaga

Persoal da residencia de Cervo denuncia as deficiencias laborais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Representantes de persoal das residencias da terceira idade e mais das familias dos usuarios e usuarias participaron da comisión de reactivación para achegar a súa experiencia. TreGa e REDE denunciaron as carencias destes centros e acusaron a Xunta de deso

A voceira de Traballadoras de Residencias da Galiza (TreGa), Sonia Jalda, e o presidente da plataforma REDE que agrupa asociacións de residentes e as súas familias, Paulino Campos, son dous dos referentes das críticas ao actual modelo residencial galego e das dificultades destes centros para afrontar a pandemia.

Ambos os dous compareceron onte no Parlamento da Galiza no marco da Comisión especial de reactivación da Covid. Alí expuxeron as que consideran as principais eivas e deficiencias do sistema de atención a anciáns e anciás e achegaron as cifras, que cualificaron de alarmantes, dos centros nos que se produciron surtos.

"Segundo as cifras da cuarta feira, desde marzo faleceron 502 anciáns e anciás usuarias de residencias. Na primeira vaga morreron 274 e dese o 19 de agosto, na segunda fase destes centros, fixérono 228. Temo que nunhas semanas superaremos a cifra dos primeiros meses da pandemia. Case 1.200 residentes foron diagnosticados da Covid desde entón", advertiu Paulino Campos.

O representante de REDE subliñou que dous de cada tres maiores finaron nun hospital ou residencia integrada neste segundo período. "Rectificouse en parte, pois ao comezo case a metade morrían nas propias residencias. Agora queremos saber que acontece con ese un de cada tres maiores que aínda falecen nos centros. Máis aínda cando temos constancia de trabas ao traslado de maiores dependentes", apuntou.

Os dous resaltaron que os xeriátricos, especialmente os de titularidade privada, sufrían carencias anteriores á chegada do virus. Entre outras cuestións, Jalda aludiu a unha alimentación deficiente nalgúns centros ou aos insuficientes cambios posturais a  residentes pola falta de profesionais. 

Inspeccións na mira

Tanto Jalda como Campos cualificaron de insuficientes as inspeccións de Política Social. O segundo fixo mención a un informe do Consello de Contas entregado ao Parlamento da Galiza en 2018 e con datos de 2017 que no seu día publicara Nós Diario en exclusiva.

"Nos centros de DomusVi Aldán, DomusVi San Lázaro ou DomusVi Ribadumia non se cumprían as ratios de persoal", salientou o segundo, mencionando centros que rexistraron importantes gromos. Unhas cifras de profesionais que foron fixadas en 1996, polo que Campos solicitou a súa actualización. O mesmo informe de Contas engade que as deficiencias sinaladas nas inspeccións non chegaron a ser emendadas. 

Punto de vista sanitario

Antón Acevedo, especialista en Medicina Preventiva e actualmente director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, estivo presente en residencias intervidas pola Xunta, caso de DomusVi Ribadumia ou a do Incio xestionada pola Fundación San Rosendo. "O modelo actual, cos seus defectos, serviu até o de agora. Pero hai algunhas cuestións a mellorar", valorou.