Covid-19: Un cribado revela máis dun centenar de casos nunha residencia de Mos

Vista do complexo residencial de Mos. (Foto: Doral Residencias)
O novo surto dáse a coñecer xusto nun día en que baixaban os casos activos nos centros de maiores. As autoridades sanitarias siguen investigando a orixe deste contaxio masivo de residentes.

Máis dun centenar de persoas vinculadas ao xeriátrico Doral Residencias do municipio de Mos están contaxiadas de coronavirus. Así o informou a Xunta hai escasos minutos.

O novo gromo da Covid-19 apareceu, segundo as primeiras informacións, ao facer un cribado rutinario ás e aos usuarios do centro. Ao obter os resultados comezaron a aparecer positivos, tanto entre as residentes como no cadro de persoal.

De feito, a residencia Doral xa tiña aparecido nalgunhas ocasións nas estatísticas da Consellaría de Política Social. Desde este departamento confirmaron a Europa Press que o máis probábel é que haxa sobre un centenar de doentes, aínda que todavía está aberto o cómputo.

Entre todos os centros e servizos cos que conta o grupo, que se poden consultar na súa páxina web, hai unhas 217 persoas entre maiores e beneficiarias con capacidades diferentes. No parte desta mañá, xa se incidía na existencia de polo menos unha ducia de enfermos.

O cadro de persoal ascende, tamén atendendo ao que se coñece polo de agora, a 265 operarias e operarios.

Cos primeiros datos, a instalación de Mos aparece moi por encima dos outros centros residenciais con máis casos da Galiza. Entre eles están tamén Domusvi Ribadumia (72 casos activos); Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (50); Ballesol Vigo (41), Salvaterra de Miño (32) e Nosa Señora dos Miragres, en Barbadás (21).

Pola súa parte, desde a residencia Virxe de Guadalupe, tamén de Mos, non teñen casos de infectados, malia que nun primeiro momento a Xunta si informou por error da existencia de afectadas.