Oito mortes pola Covid-19 nunha soa xornada, a peor dos últimos cinco meses na Galiza

Unha sanitaria nun control da Covid-19 en Monforte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Todas as vítimas, catro mulleres e catro varóns, permanecían ingresadas en centros hospitalarios do país. O número de falecementos desde que comezou a chamada nova normalidade ascende xa a 144 persoas.

Esta segunda feira volve ser unha xornada especialmente mala en canto a falecementos provocados pola pandemia no país. Ao longo do día perderon a vida, segundo informan fontes sanitarias, oito persoas.

Con independencia dos datos comunicados esta mañá pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ao longo do día rexistráronse oito novos pasamentos derivados das complicacións que provocou o coronavirus no estado de saúde de doentes con patoloxías previas que incrementaban o seu risco.

A Consellaría de Sanidade explicou que houbo catro vítimas femininas, todas elas en centros hospitalarios. En concreto, perderon a vida unha muller de 73 anos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e outra de 91 no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Así mesmo, morreu unha usuaria de 97 anos da residencia de maiores Las Salinas que estaba a ser atendida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) e outra residente de 77 anos, neste caso da DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, que ingresada no Lucus Augusti.

Os homes finados eran un paciente do hospital de Verín de 88 anos; outro de 85 que estaba no centro hospitalario de Pontevedra (CHOP); un doente de 88 que era atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e un cuarto home de 84 anos que ficaba no hospital do Barco de Valdeorras.

Con estas confirmacións, hoxe foi a xornada con máis falecidos notificados pola Xunta desde hai cinco meses. O 5 de maio houbo que lamentar nove decesos.

Así, no que vai de presenza do virus na Galiza xa houbo 765 vítimas mortais. Ademais, desde a nova normalidade -e, concretamente, desde principios de agosto- xa se rexistraron 144 mortes.