Galiza rexistra outros 254 positivos e os casos activos aumentan noutros 91 na área de Ourense

(Foto: Javi Colmenero / Europa Press)

A área sanitaria ourensá supón xa 1 de cada 4 casos activos na Galiza.

 

Galiza rexistrou outros 254 positivos por Covid-19 con respecto á xornada do domingo e os casos activos sitúanse en 4.101 esta segunda feira. A área sanitaria de Ourense rexistrou o maior incremento de casos activos, con 91 máis.

Segundo os datos actualizados hoxe pola Consellería de  Sanidade, os casos activos de Covid-19 aumentaron nas áreas de Ourense (91 máis con respecto ao domingo), que conta con 1.037; A Coruña, que ten 820 (un máis); Lugo, que conta con 495 (dous máis) e Ferrol, que se sitúa con 117 (un máis).

A área sanitaria ourensá supón xa 25% dos casos activos que hai actualmente na Galiza, 1 de cada 4. Nesta área sanitaria hai 73 ingresados deles 7 na UCI. 964 a seguimento a domicilio.

Por contra, os casos activos descenderon nas áreas sanitarias de Vigo, que conta con 419 (26 menos); Pontevedra, que se sitúa con 685 (catro menos) e Santiago, que rexistra 528 (dous menos).

Ata a data de hoxe na Galiza hai 20.170 persoas curadas, o que supón 189 máis que o domingo, e 757 falecidos con  Covid, tras as últimas vítimas comunicadas na tarde do domingo, que corresponderon a dúas mulleres de 96 e 90 anos idade que  permanecían ingresadas no  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ( CHUO) procedentes da residencia As  Salinas.

O número de  PCR realizadas até o momento sitúase en 511.007.

No que respecta a residencias, hai 441 persoas con Covid, das que 308 son usuarias e 133 traballadores e traballadoras.