Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

As mortes por Covid-19 nas residencias e as súas causas

Publicamos a seguir o extracto da análise de Francisco L. Vázquez Vizoso, médico epidemiólogo, ex xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

A epidemia cebouse nos centros residenciais, e unha parte substancial da explicación radica no seu carácter de institucións pechadas, nas que viven “institucionalizadas” un elevado número de persoas que, no caso de contaxiarse co virus, teñen unha elevada probabilidade de morrer como consecuencia da Covid-19, debido á súa elevada idade, o 79% delas teñen 80 ou máis anos e a idade media sitúase entre os 85 e os 86 anos[i], e a que coa idade, vai medrando tamén a frecuencia de enfermidades que incrementan a vulnerabilidade das persoas.

Outro elemento importante na explicación do elevado número de mortes nas residencias foi a inadecuación do paradigma científico de transmisión da Covid-19 que se manexaba ao principio da epidemia. Froito do avance do coñecemento científico, o paradigma do inicio da pandemia[ii] modificouse, e o actual paradigma[iii] asigna un papel destacado aos pacientes asintomáticos e aos aerosois. Isto provocou cambios relevantes nas medidas de prevención a adoptar, mais no camiño do cambio de paradigma ficaron moitas persoas infectadas e mortas por Covid, sobre todo en sitios como as residencias.

A non dispoñibilidade de máscaras de protección, e en xeral de equipos de protección individual, por ausencia de stocks e tamén pola frecuente mesquindade das empresas, foi tamén outro factor importante á hora explicarse á importante mortalidade por Covid nas residencias.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.