Morre Jesús Pérez Varela, ex conselleiro con Manuel Fraga e impulsor da Cidade da Cultura
Jesús Pérez Varela, nado en Redondela (comarca de Vigo) en 1949, ex conselleiro de Cultura da Xunta da Galiza nos últimos gobernos liderados por Manuel Fraga (entre 1997 e 2005) e impulsor do proxecto da Cidade da Cultura no compostelán monte Gaiás, faleceu.
Segundo confirmaron fontes do PP esta quinta feira, Pérez Varela, quen tamén xogou un papel clave no ámbito dos medios de comunicación nos anos 90, morreu. Natural de Redondela, estudou no Instituto Santa Irene de Vigo e xornalismo en Madrid, antes de xogar un papel de peso na etapa do 'fraguismo' na Galiza.
Traballou en varios medios de comunicación até que a principios dos 90 foi nomeado responsábel de comunicación do presidente da Xunta, cargo que entón ocupaba o tamén falecido Manuel Fraga. Posteriormente, foi elixido deputado do PP no Parlamento galego e nomeado conselleiro de Cultura.
Figura ligada á Cidade da Cultura
A súa figura, polos pasos dados neste cargo, quedará vinculada á Cidade da Cultura, proxecto do que foi ideólogo e que defendeu con vehemencia nunha das súas últimas intervencións públicas destacadas: a comisión que, co bipartito de PSdeG e BNG á fronte da Xunta, investigou na Cámara en 2007 o proxecto e construción do macrocomplexo cultural do Gaiás.
Tamén xogou un papel destacado na aposta polo Camiño de Santiago e, tras perder o PP o Goberno galego en 2005, estivo varios anos no consello de administración da CRTVG. Posteriormente, apartouse da vida política.
"Os seus acertos" e "os seus erros"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou esta quinta feira o falecemento de Jesús Pérez Varela, como "persoa importante" que foi membro do Goberno galego e xa trasladou as súas condolencias á familia. En declaracións aos medios ao finalizar un acto organizado pola Consellaría de Sanidade na Cidade da Cultura, proxecto que Pérez Varela liderou, Rueda destacou que o ex conselleiro "deixou unha pegada importante na promoción da cultura da Galiza e da súa imaxe".
Sobre a súa vida política, aínda que levaba máis dunha década "retirado" do foco público, o actual presidente galego cre que Pérez Varela tivo "os seus acertos" e "os seus erros". "Que os tivo, tamén. Todos os temos", apostilou. "Descanse en paz. Lamento a súa morte e, como membro que foi do Goberno da Xunta de Galiza, pois especial apego e pór en valor, sobre todo, as cousas boas que deixou, que as deixou", resolveu Rueda.
Condolencias do PP
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, iniciou esta quinta feira unha rolda de prensa en Compostela trasladando o pésame "da familia" do partido que dirixe Alfonso Rueda ás persoas achegadas de Jesús Pérez Varela. Así, enviou "un abrazo" e "todo o agarimo" do PP a toda a familia e seres queridos de Pérez Varela.
Prado recoñeceu o papel político de Pérez Varela, cuxa morte transcendeu na mesma semana na que se cumpre o 13 cabodano de Fraga. Como argumento, esgrimiu que estivo presente nas decisións políticas "nun momento clave de apertura ao mundo" da Galiza "a través do Xacobeo, da Cidade da Cultura ou da CRTVG".