Medio milleiro de colectivos piden ao Miteco unha "moratoria científica" aos eólicos nas reservas da biosfera

Parque eólico de Paradela, que fai parte da reserva da biosfera da Ribeira Sacra, O Courel e O Iribio. (Foto: Europa Press)
Lembran que a Unesco está a elaborar un estudo sobre a viabilidade das instalacións de enerxías renovábeis en territorios declarados reservas da biosfera e afean ao Goberno estatal que non agarde polos resultados antes de seguir autorizando proxectos eólicos.

Máis dun milleiro de aeroxeradores eólicos dos perto de 4.000 que actualmente están en funcionamento na Galiza afectan algunha das sete reservas da biosfera do país.

Son, en concreto, 1.212, denuncian desde a Alianza Enerxía e Territorio (Aliente), plataforma estatal da que forma parte medio milleiro de entidades, moitas delas galegas, como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SLG), o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) ou diferentes plataformas sociais.

A organización vén de enviar unha carta formal ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) solicitando unha "moratoria científica" para todas as reservas da biosfera do Estado español, que no seu conxunto se ven afectadas por 2.227 aeroxeradores, polo que máis da metade están na Galiza.

Aliás, sinalan que "dos 1.236 'macroeólicos' en tramitación, máis da metade, 608, tamén están proxectados na Galiza". "A presión que a poboación galega está a sufrir por parte do monopolio industrial eólico acadou un grado de violencia estutural absolutamente inasumíbel", advirten.

Denuncian tamén que o real decreto-lei 6/2022 supón unha "simplificación extrema" das avaliacións de impacto ambiental, "procurando eliminar a posibilidade de que a cidadanía presente alegacións a estes ataques contra o territorio, até o dagora o único modo de defendérmonos da invasión eólica".

"Este despropósito vai ser inda máis grave co RDL11/2022, que de ser convalidado implicará facer valer a zonificación ambiental sen estudo de impacto ambiental estratéxico ningún, incluído como unha simple recomendación no plan 2021-2026 da Rede Eléctrica Española, pretendendo a golpe de decretazo convertelo en lei sen estudos ambientais serios e transparentes", critican".

Nun comunicado de prensa, o SLG pon o foco en que na Galiza se produce hoxe "moita máis enerxía" da que se precisa consumir, mentres "áreas de hiperconsumo como Madrid non permiten a instalación de aeroxeradores".

"A destrucción do territorio, recursos naturais, contaminación de augas, perda de terras agrarias e expulsión da veciñanza ten como único obxectivo o enriquecemento superlativo do monopolio enerxético", engaden.

No seu escrito dirixido ao Miteco, os colectivos que integran Aliente subliñan que a Unesco está a elaborar un estudo sobre a viabilidade das instalacións de enerxías renovábeis en territorios declarados reservas da biosfera.

"É absolutamente incongruente e moi preocupante que o Ministerio estea a avanzar na tramitación de máis polígonos industriais eólicos nestes territorios protexidos sen agardar polo resultado desta investigación", conclúen.