Os montes veciñais en mancomún do Morrazo rexeitan o parque eólico

A península do Morrazo. (Foto: De Txo)
Continúa o rexeitamento ao proxecto da empresa ACS, que pretende construír un parque eólico no Morrazo, co non da Mancomunidade de montes veciñais en mancomún.


Hai unha década, intentouse executar un parque eólico na zona máis alta da península do Morrazo que foi bloqueado pola implicación social da comarca. Hoxe, é a empresa ACS a que tentea as comunidades de montes e a veciñanza para facer o mesmo nunha zona entre Bueu, Cangas, Marín e Moaña.

O 3 de novembro xa foi creada unha plataforma veciñal en contra do proxecto, que vén de ser rexeitado pola Mancomunidade de montes veciñais en mancomún do Morrazo, que acordou “pronunciarse en contra da instalación deste xeito de parques eólicos na península”, fechando a porta ás intencións da compañía estatal, dirixida por Florentino Pérez, que tamén é presidente do Real Madrid CF.

Ademais, na xuntanza apostaron por integrarse na plataforma “Eólicos do Morrazo Non”, para a que foi nomeada unha representación. Nese sentido, puxeron a disposición da Plataforma os locais das diferentes comunidades de montes para levar a cabo charlas informativas coa veciñanza.

Entre os motivos para censurar a instalación desta ducia de muíños, a Mancomunidade explica que producirían 3 MW e terían 150 metros de alto e uns 20 metros de base, o que “danaría a maioría dos acuíferos e podería eliminar as captacións de augas que abastecen as poboacións de Marín, Bueu, Cangas e Moaña”.

Así como os efectos do transito pesado que se tería que desprazar até o lugar, critican que o impacto da instalación abarcaría 5.000 hectáreas de “terreos privados e comunais destinados unicamente a uso industrial eólico, coas restricións legais correspondentes para os usos agroforestais ou para a construción ou restauracións das vivendas dentro da área”, supoñendo ademais unha redución do valor das vivendas na zona do 30%.

Tamén salienta que “a oferta económica que presentan é miserábel”, relatando como, no resto do país, estase a pagar un 3% dos beneficios, “é dicir uns 17.550 euros por ano e muíño, mentres que aquí están ofertando uns 9.000 euros por ano e muíño”, do que responsabilizan a Xunta da Galiza e mailo Goberno do Estado por non regular e brindar “liberdade total ás grandes empresas eléctricas para o espolio enerxético da Galiza”, apuntan, lembrando que nos concursos eólicos xestionados polo bipartito, esa porcentaxe oscilaba entro o 10% e o 14% das ganancias.

Na xuntanza, os montes veciñais en mancomún da comarca aproveitaron para reafirmar o seu compromiso coas enerxías limpas, e precisan que, na Galiza, o 70% da enerxía expórtase, polo que esta instalación non ten sentido, e aínda menos tendo en conta que a poboación galega non se beneficia deste exceso de produción eléctrica.

Muíños eólicos a menos de 500 metros das casas en Oza-Cesuras

Un informe pericial do parque eólico de Seselle, en Oza-Cesuras (comarca de Betanzos), demostra que até 16 vivendas están a menos de 500 metros da base dos muíños. A lei galega estipula que non se poden instalar a menos de 500 metros de núcleos de poboación.

A Asociación S.O.S. Patrimonio monte do Gato-Seselle, que encargou o informe, incide en que isto “causa unha enorme perda patrimonial, repercutindo na saúde e xerando outros prexuízos para a veciñanza da aldea”.

No documento, revélase que hai casas agrupadas a menos de 300 metros incluso, mais ao non estar recoñecidas como núcleo de poboación quedan carentes de toda protección.