Por un monte galego con futuro culpa Medio Rural de varios lumes por queimas que se descontrolaron

Imaxe de arquivo dun lume en Cualedro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A plataforma denunciou ante as Fiscalías de Ourense e Lugo os incendios decorridos o pasado mes de abril no Courel e A Fonsagrada. Considera que os destrozos foron causados pola Xunta.

O colectivo Por un monte galego con futuro, que traballa a prol da defensa ecolóxica e patrimonial da Galiza, vén de denunciar ante as fiscalías de Lugo e Ourense os lumes que decorreron no mes de abril na serra do Courel e na reserva da biosfera Oscos-A Fonsagrada-Terras de Burón por consideran que foron responsabilidade da Consellaría do Medio Rural.

Segundo a plataforma, estes incendios tiveron lugar “a consecuencia das queimas” que realizaba o departamento da Xunta da Galiza e das que se perdeu o control.

A través dun comunicado considera que o Executivo do país actuou “con absoluto desprezo ao risco de lume dadas as condicións meteorolóxicas” que había nesas semanas.

Baixo o seu punto de vista, Medio Rural “decidiu levar a cabo queimas presuntamente preventivas que incluso nalgúns casos saltaron das áreas previstas dando lugar a incendios forestais que destruíron importantes superficies de terreos protexidos”.

Así insiste en que equipos enviados pola consellaría, “co apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME), provocaron incendios na serra do Courel”.

Neste sentido fala de danos nunha “considerábel superficie no espazo protexido”. Aliás, atendendo ás súas afirmacións, as lapas chegaron ao monte Muradal, no concello da Fonsagrada, en plena reserva da biosfera”.

Como engadido aos danos ecolóxicos, lembran que tamén houbo un “importante gasto” para as arcas públicas ao ter que apagar as lapas. Ao Courel acudiron “cinco helicópteros, dous avións de carga en terra, motobombas” e outra maquinaria pesada.

Por un monte galego con futuro dálle máis peso á súa acusación porque, subliña, “non é a primeira vez que se producen estas prácticas perigosas”. Mesmo fala dunha “grave neglixencia con responsabilidade criminal por parte da Administración” galega.