'Eólica así non': conta atrás para a marcha simultánea en defensa das montañas e contra o oligopolio eléctrico

Na serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000, hai 28 parques eólicos (Foto: Turismo da Galiza).
Este 11 de decembro, Día das Montañas, máis de 170 colectivos de toda a Galiza uniranse nunha marcha simultánea e descentralizada en máis dunha vintena de localidades contra o boom dos eólicos e a avaricia do sector eléctrico.

A moratoria actual "non vale", advirte a coordinadora 'Eólica así non' que integra máis de 170 colectivos, entre asociacións ecoloxistas, plataformas veciñais e entidades socioculturais de todo o territorio galego e que este sábado convoca concentracións en máis dunha vintena de para esixir á Xunta unha moratoria "real e efectiva" que free os máis de 300 proxectos eólicos que a día de hoxe, calculan, que están en tramitación na comunidade galega.

A medida que foron transcendendo novos proxectos de parques eólicos ao longo e ancho do país, numerosos colectivos comezaron a organizarse para dar resposta ás iniciativas eléctricas e defender os intereses da veciñanza mais da conotrna natural.

Coincidindo co Día Munidal das Montañas, este movemento social e ecoloxista camiñará da man contra o mediodía para sinalar a moratoria que introduciu a Xunta a través da lei de acompañamento aos orzamentos de 2022. "Non vale", afirma, xa que afecta a iniciativas a partir do próximo 1 de xaneiro "e con excepcións".

Plan desfasado

Así, dende a coordinadora fan fincapé "na necesidade cada vez máis urxente de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación", tanto por parte Xunta como do Estado, "até que non se derrogue o desfasado Plan sectorial eólico da Galiza e as Leis de depredación".

Os colectivos reclaman unha planificación eólica "máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental", pois entenden que "estamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio".

Segundo calculan, hai máis 300 "megaproxectos eólicos" na Galiza en tramitación, que proxectan 10.000 MW de potencia, equivalentes a 43% do obxectivo en potencia eólica para 2030 en todo o Estado español. "Lembramos ademais, que a Galiza exporta máis de 30% da electricidade que produce".

Mobilización descentralizada

A coordinadora 'Eólica así non' mantén convocatorias de norte a sur da Galiza. Concentracións, andainas, manifestacións e subidas ao monte que comezarán contra as 12 horas na Lama, Becerreá, Val do Dubra, Cerdedo, Chantada, Coristanco, Foz, Lugo, Mazaricos, Ferrol, Pontevedra, Castro Caldelas, Seoane do Courel, Vila de Cruces, Laza, Antas de Ulla, Carral, Meira, Vilalba, Gondomar, Marín e Bueu.

Ocuparán o espazo público 'na defensa das montañas' e de "ecosistemas chave" para o futuro do territorio e en contra dun modelo que tachan de "desordenado".