Psicóloga e sexóloga

Mónica Novas: "Habería que traballar máis na sensibilización sexo-afectiva nos centros educativos"

Mónica Novas traballa en proxectos de sensibilización de xénero, ademais doutras actividades (Foto: Nós Diario).
Mónica Novas ten, de seu, un espírito emprendedor. Psicóloga e criminóloga, especializouse en igualdade. Fundou a empresa Asistogal, que colabora con varias institucións na Galiza realizando campañas de información e sensibilización contra a violencia machista, como a Caravana Morada que percorre os municipios das comarcas do Salnés, Ulla e Umia. Como investigadora atopou relacións entre a gastronomía e o sexo ideando o termo "gastrosexoloxía" que deu a coñecer en universidades e escolas de hostalaría de todo o Estado español.

-De que maneira se introduciu na psicoloxía, a sexoloxía e a especialización en Igualdade de xénero?

Traballaba en consultas de psicoloxía privada e en 2012 comecei como axente de igualdade para institucións públicas. Logo entrei en centros de información á muller no que me dedico, de maneira directa, na atención ás vítimas de violencia de xénero a través da psicoloxía. Daquela creei unha empresa que dá servizos ás institucións.

-Nese eido abonda coas accións que se están a levar a cabo por parte das institucións?

Case todos os concellos contan cun servizo ou, polo menos, teñen un centro de información á muller como referencia. Son puntos nos que calquera muller, non só as vítimas de violencia de xénero, pode achegarse para ter asesoramento xurídico e psicolóxico. Tamén crean iniciativas de formación e sensibilización específicas para mulleres vulnerábeis. Nese ámbito o traballo está ben feito mais habería que traballar máis na sensibilización nos centros educativos e comezar polas rapazas e rapaces. É a maneira de loitar contra eses estereotipos de xénero que aínda inconscientemente nos transmitiu a familia. Cada vez hai máis campañas e información.

-Como foi a experiencia de introducir esa información nas escolas?

A primeira reacción das nenas e os nenos é de sorpresa. Pode ser por non ter esa educación na que traballamos o respecto, a diversidade, dar información sobre que é unha persoa trans ou bisexual, por exemplo. Que saiban que é unha decisión propia e que pode cambiar ao longo da vida. Buscar a empatía e que se poñan no seu lugar.

-Neste tempo ideou a 'Caravana Morada'. Que características ten?

Cando a creamos pensamos en tres formatos: como punto de sensibilización e seguridade nas festas, como campaña de sensibilización durante a Covid e por último, para facilitar o empoderamento sexual feminino. 

-Relacionando sexoloxía e gastronomía xurdiulle o termo "gastrosexoloxía". En que consiste e que beneficios ten para a sociedade actual?  

Levo moitos anos cunha boa relación co mundo da gastronomía, sobre todo organizando eventos. Hai 10, xurdiume a posibilidade de poder escribir sobre os mecanismos psicolóxicos que afectan á gastronomía. A habituación e a suxestión previa son un exemplo. Como explicar os mecanismos de pracer que ten o cerebro en relación á gastronomía.

Que un prato produza máis pracer que outro ou a maneira de preparar a mesa. Difundín esta idea en universidades e escolas de hostalaría de todo o Estado español con produtos propios de cada lugar. Non son receitas máxicas, só aplicar estes mecanismos psicolóxicos a esa receita que se prepara. En Sant Sadurní de Noia falei do 'cava' e en Cambados do albariño, por exemplo. Quen cociña ten que saber que existen cando prepara un menú.

-Hai produtos máis pracenteiros que outros?

Hai algúns que perduran ao longo da historia por ter ese mecanismo psicolóxico. Aquí temos a empanada de bacallau con pasas que é diferente en cada bocado por mesturar salgado con doce. Outro sería tamén o botelo por ser picante. En todo caso, eu nunca falo de alimentos afrodisíacos, explico mellor as maneiras de preparalos e combinalos.