Lemos e Barcelona únense na distancia para recuperar o tren nocturno que as conectaba: "Queremos ir a Galiza en tren de maneira digna"

A colectividade galega manifestouse este 27 de xaneiro en Barcelona-Sants. (Foto: Nós Diario).
Por segunda semana consecutiva, o tren nocturno que unía Galiza e Catalunya até antes da pandemia mobilizou a colectividade galega en Barcelona e a veciñanza de Terras de Lemos.

A estación de Monforte e a estación de Barcelona-Sants acolleron este sábado unha protesta simultánea para exixir que volvan circular os trens hotel que unían estes dous destinos e que foron suprimidos polo Ministerio durante a pandemia.

"Queremos ir a Galiza en tren de maneira digna", berrou en Sants a colectividade galega. "Tren xa", coreou, a sabendas de que na Galiza a veciñanza da comarca de Terra de Lemos secundaba as súas proclamas.

Persoas usuarias participaron en senllas mobilizacións, ás que tamén acudiron representantes do BNG. O portavoz do Bloque no Congreso, Néstor Rego, participou na concentración convocada diante da estación de tren de Monforte de Lemos para reivindicar a recuperación dunha conexión ferroviaria "necesaria e útil para a comarca de Lugo sur".

Rosana Prieto, responsábel do BNG das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, acompañou as persoas da comunidade galega emigrante na capital catalá para reclamar ao ministerio que agora dirixe Óscar Puente que repoña o tren nocturno.

Conexión eficiente

Néstor Rego sinalou que esta mesma semana reclamou ao Ministro de Transportes no Congreso que rectificase a súa negativa a repoñer os tren hotel dando cumprimento ás demandas das comarcas prexudicadas. "Os trens hotel que conectaban Galiza con Barcelona e con Madrid cumprían un servizo necesario para millares de emigrantes galegos e galegas".

Eran unha conexión "útil", subliñou, "un factor de dinamización socioeconómica das comarcas polas que pasaba". Segundo sinalou o deputado nacionalista, o tren nocturno non só se utilizaba para viaxar ao destino final, "senón que se empregaba para a mobilidade entre as diferentes vilas e coas cidades".

Nun contexto no que "a UE chamou aos Estados membros a impulsar a mobilidade sustentábel como o mellor mecanismo de loita contra o cambio climático, o tren é o medio de transporte menos contaminante, máis ecolóxico e eficiente", sinalou Rego, "sen esquecer que en Europa se están a recuperar os trens nocturnos porque son unha alternativa para viaxar óptima para persoas que prefiren viaxar de noite e chegar pola mañá". 

A veciñanza de Lemos concentrouse diante da estación de Monforte. (Foto: Nós Diario).

Recollida de sinaturas

En Barcelona, Rosana Prieto referiuse á recuperación fun servizo ferroviario "fundamental para a comunidade galega na emigración".

Segundo confirmou, a campaña en prol da restauración dos trens nocturnos continuará "cunha recollida de sinaturas, máis concentracións na comarca de Lemos, así como futuras manifestacións nas comarcas veciñas de Lugo e Ourense", afectadas por un desmantelamento paulatino do transporte ferroviario.

Prieto avanzou tamén que se están a presentar mocións en concellos para instar o Ministerio de Transporte a restabelecer este servizo, seguindo o exemplo das iniciativas xa presentadas no Congreso por Néstor Rego, quen censurou que se aproveitase a situación de pandemia e o confinamento para recortar os de servizos de tren.