Monfero tamén di "non" aos proxectos eólicos

Acto fundacional do colectivo veciñal, este domingo en Monfero (Foto: Monfero di non).
Constitúese a plataforma "Monfero di non" neste municipio, após se coñecer o pasado 29 de maio o parque eólico que prevé construír Iberdrola.

A veciñanza de Monfero afectada polo parque eólico Pena do Corvo, que o pasado 29 de maio iniciou a súa tramitación a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), constituíu este domingo a plataforma "Monfero di non", avalada por unha trintena de persoas no seu acto fundacional

O proxecto, promovido por Iberdrola, prevé a instalación de trece aeroxeradores cuxas aspas alcanzarían os 200 metros de altura e contarían cunha potencia total instalada de 58,5 megawatts (MW), alén dunha subestación transformadora e unha liña aérea de alta tensión que atravesaría nove municipios lindeiros

"Decatámonos do proxecto pola súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), mais nin sequera o Concello, segundo afirma, sabía nada. Chegan aquí con estas formas e dannos un mes para presentar alegacións sen que dispoñamos dos medios ou coñecementos para facelo", sinala a Nós Diario Iñaki López, un dos promotores da plataforma.

López fai fincapé nas dimensións do parque e o impacto que tería de se aprobar: "A poligonal afecta 35 lugares habitados das parroquias de San Fiz, Vilachá e Queixeiro, e inclúe os conventos de Caaveiro e Monfero, así como parte do parque natural das Fragas do Eume", expón.

Porén, salienta que o impacto vai "máis aló" do que se pode visualizar nun mapa: "Estamos a estudar os efectos que tería para a saúde, así como o dano ao tecido socioeconómico, xa que a poligonal fragmentaría os montes", explica, e lembra a importancia do sector primario no municipio.

Aliás, salienta que moitas veciñas e veciños "non son conscientes" de todas as afeccións que poderían provocar os aeroxeradores e o tendido eléctrico. Nesta segunda feira organizáronse "grupos de traballo" para recoller sinaturas contra o proxecto, arredor de 200 polo de agora.

O prazo para presentar alegacións ficará aberto até o vindeiro 28 de xuño.