Entrevistamos Xosé Constenla, xeógrafo

“Moitas veces o nacionalismo e a esquerda idealizan a vida na aldea”

[Imaxe: Laura R. Cuba] Xosé Constenla

O colapso territorial en Galiza (Galaxia, 2018) propón unha metodoloxía e unha diagnose. Explica que cómpre analizar o espazo en que sucede a vida e relata como as lóxicas do capital desartellaron a paisaxe galega e, polo tanto, a vida que nela sucedía. O xeógrafo Xosé Constenla (Santiago de Compostela, 1980) avanza estar preparando unha segunda parte propositiva, pero no Colapso territorial xa prescribe “atender a eses procesos de base local que emerxen desde abaixo e comezar a tecer redes de cooperación”. Apoiado na teoría crítica, Constenla ergueu un ensaio, premio Ramón Piñeiro, polo que circulan asuntos cruciais para a Galiza contemporánea. Eis un extracto da conversa publicada no número 307 de Sermos Galiza.

Que significa o que denomina “perda de complexidade” do territorio?

 

A complexidade é un termo que recollo de economistas e ecólogos como Ramón Margalef ou José Manuel Naredo. É a diversidade de roles que cada elemento pode xogar dentro dun sistema. Por exemplo, na Galiza as parcelas rotaban os cultivos. Mesmo había un tempo a barbeito, pero tamén realizaba unha función social. O monte tiña unha función social como combustíbel, como materia prima, mesmo como reserva ecolóxica para mellorar a calidade do aire. Os asentamentos tiñan unha función estritamente residencial, non especulativa. As estradas eran solidarias e nunca unha vía de comunicación cruzaba un eido produtivo. Esa diversidade de roles que cumpría cada elemento do territorio descende. Cando se produce unha redución dramática dos indicadores de complexidade durante un tempo prolongado, un sistema entra en colapso. Desde a Lei do Solo de 1956, o territorio e cada unha das súas parcelas perde complexidade, deshumanízase e perde biodiversidade.

 

Mais este proceso é paralelo a unha elevación xeral do nivel de vida, que talvez explique a relativamente pouca resistencia que xerou.

 

A vida na aldea, que moitas veces o nacionalismo e a esquerda idealiza, era unha vida de bastante miseria. A vida facíase no campo da aldea porque ninguén quería estar na casa, que non tiñan lavabo nin baño e onde compartías espazo coas bestas. Non era unha situación idílica, era de pobreza. Cando se liberaliza o solo e esas parcelas viran solares, as rendas agrarias e os cartos da emigración din: “Agora construímos unha casa con confort”. A mellora das condicións de vida é un elemento en que o capitalismo tamén se apoia para potenciar as liñas do colapso.

 

E amolecer as súas contradicións.

 

Efectivamente. Pero ao mesmo tempo prodúcese unha concentración demográfica nos espazos urbanos. O que provoca a despoboación de ámbitos extensísimos no rural, outro síntoma do colapso. O capitalismo, a través deses procesos acumulativos e de desposesión, quere un territorio sen persoas, que ninguén protexa e do que ninguén se preocupe.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]