Entrevista con Towanda Rebels

"Moitas mulleres están a descubrir o feminismo nas redes porque nos foi negado nas aulas"

Teresa Lozano e Zúa Méndez, TowandaRebels

TowandaRebels son Teresa Lozano e Zúa Méndez, dúas actrices e escritoras que após deixaren os seus respectivos traballos decidiron lanzarse de cheo ao activismo feminista. Contan cunha canle en Youtube con milleiros de visualizacións e acaban de sacar un libro, #HolaGuerrera. Sermos Galiza fala con Teresa Lozano.

 

 

O pasado 8 de marzo foi un punto de inflexión para o feminismo. Millóns de mulleres tomaron as rúas e fixeron escoitar a súa voz, mesmo algunhas que nunca antes se implicaran. Como se explica isto?

 

Nós sempre falamos de que hai un re-espertar do movemento feminista, de feito as teóricas falan de que estamos a vivir unha cuarta onda do feminismo. Cremos que a irrupción do feminismo nas redes sociais fixo que o coñecemento se democratizase. Que puideramos acceder a teoría feminista, a tecer redes de mulleres, que as mulleres puidéramos rachar co silencio e empezaramos a contar, con movementos como o Metoo ou o Cuéntalo en España, todas as cousas polas que pasamos, os abusos que moitas sufrimos. Poder identificarnos nas historias das outras e ver que o que nos estaba a pasar non era algo que tivese que ver coa mala sorte ou malas decisións, senón que estaba ligado a que nos colaron que tiñamos conseguida unha igualdade. Se ben é certo que en Europa ou no Estado español si se acadou unha igualdade formal, aínda queda moito para acadar unha igualdade real efectiva. Entón, si que falamos das redes como fundamentais para o auxe do feminismo. Moitas mulleres están a descubrir o feminismo nas redes porque nos foi negado nas aulas. De feito o noso proxecto nace das redes sociais.

 

Falando do voso nacemento, vós recibistes moito odio por redes. Como se xestiona ese acoso?

 

Ao principio moi mal. É duro ver o grao de violencia machista que hai. Decatámonos de que existe sobre todo moita violencia de carácter sexual. Recibimos moitas mensaxes de odio, non baseadas na mensaxe, senón nas mensaxeiras, nós. Críticas non construtivas, senón que se refiren ao físico, ameazas sexuais. Se alguén pensa que o machismo non existe, que entre na nosa canle de Youtube e mire os comentarios. Chegamos a recibir ameazas de morte e violación explícitas. Ao principio levabámolo moi mal, mais xa nos acostumamos. Decatámonos de que non nos pasaba só a nós, senón a todas as mulleres que están a lanzar mensaxes feministas nas redes sociais. Precisamente por iso moitas non saen do anonimato, están baixo un avatar ou un seudónimo. No noso caso, para nós era unha mensaxe política, poder dar a cara.

 

"Se ben é certo que en Europa ou en España si se acadou unha igualdade formal, aínda queda moito para acadar unha igualdade real efectiva"

 

Hai quizais medo a que se volva unha moda baleira de contido?

 

Eu creo que hai un medo non fundamentado. Esas mensaxes lánzanas precisamente quen quere baleirar de contido o feminismo. O feminismo é unha teoría social, moral e política que ten máis de 300 anos de historia. Ao final as mulleres veñen loitando polos seus dereitos ao longo da historia da humanidade, non é nada novo. Entón, eu creo que non. Ademais, se unha rapaza coñece e comeza a interesarase polo feminismo por unha instagramer que de súpeto se denomina como feminista (aínda que logo non sexa coherente, porque é moi difícil selo 100%) ou por unha camiseta, unha frase… xa sería algo. Home, non me parece ben que se faga negocio. Ao final o que quere o capitalismo é vender, non lle importa a mensaxe.

 

Non se pode negar que se está a ver un feminismo máis neoliberal, cun discurso moi diferente ao voso. Deixa iso de ser feminismo?

 

Creo que xa ti mesma das no cravo. Que é feminismo? Todo o que diga unha muller? As políticas de Ciudadanos, por exemplo, que queren legalizar a prostitución e os ventres de alugueiro, din ser feministas. Son feministas? O feminismo é unha teoría social e política que avoga pola liberación da muller como colectivo. Vai en contra do capitalismo neoliberal. Para nós, que formamos parte da corrente do feminismo radical, en contra da mercantilización do corpo da muller e que avoga polo abolicionismo da prostitución, ventres de alugueiro e pornografía, iso non pode ser feminismo. O feminismo non pode ser a única teoría na que entren unha cousa e a súa contraria. Para min esas persoas que se din feministas, non o son.

 

"O feminismo non pode ser a única teoría na que entren unha cousa e a súa contraria"

 

O feito de que o feminismo estea no centro mediático pode provocar unha mercantilización da polémica.

 

Dous casos moi diferentes, por exemplo, Leticia Dolera e Cristina Pedroche. No caso da primeira houbo un acoso e derribo porque ela demostrou ser unha muller feminista comprometida coa causa. Unha vez te declaras feminista estás no punto de mira. Mesmo o teu pasado. Van mirar que non sexas unha aproveitada. Non sei que pensa a xente que gañas a nivel económico cando dis que es feminista. Ao contrario, todo é máis complicado, non gañas nada. Entón, no caso de Leticia Dolera hai un descoñecemento cando se di que despediu unha muller embarazada. Cando simplificas unha historia ten que haber unha mala. Quen é? Quen nos interesa que sexa neste caso, Leticia Dolera. O problema aí é que mesmo dentro do propio feminismo se sacrifica compañeiras. Como é mediática, podemos cargar contra ela, o cal foi un xesto de pouca sororidade. Déuselle voz a todas as críticas e non aos compañeiros, cando o equipo da serie saíu dicindo que non foi así. Son efectos colaterais de dicirse feminista.

 

No caso de Pedroche, nós sempre falamos de que dar as badaladas medio espida é unha decisión persoal súa. Como decisión persoal respectámola, por suposto que si. Outra cousa é que diso se diga que nos apodera a nivel colectivo. Non, nós estamos obxectificadas na sociedade, non nos apodera. E non hai máis que ver que xunto a ela sae un home maior e completamente vestido. E ao final, o único que se fala dela, cando é unha profesional e nós iso nunca o puxemos en dúbida, é relativo ao seu físico ou vestido.

 

É o voso libro un achegamento das grandes teóricas, máis difíciles de ler, a mulleres menos iniciadas no tema?

 

Intentamos tocar todos os temas, mais que todo o mundo puidese entendelo, polo que usamos experiencias persoais e voces doutras mulleres. De xeito sinxelo, para que todo o mundo poida entender temas complexos. Falamos desde ventres de alugueiro, até prostitución, abolicionismo ou acoso. Ao principio do libro falamos tamén de política de xénero. Como nos dividen, como di Ana de Miguel, nas caixas do azul e o rosa. Intentamos achegar este discurso teórico feminista a todo o mundo, desde unha rapaza nova até unha muller maior, que se poida sentir identificada en todas as historias que contamos no libro.

 

TowandaRebels estarán a terza feira 5 de febreiro na Sala Multiusos do Concello de Viveiro, ás 20:00 horas.