Na Sala Multiusos do Concello de Viveiro

As feministas TowandaRebels, esta terza feira na Mariña

TowandaRebels

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza para esta terza feira 5 de febreiro unha charla coas activistas feministas TowandaRebels sobre a mercantilización dos corpos das mulleres. Será as 20:00 horas na Sala Multiusos do Concello de Viveiro.

 

Teresa Lozano e Zúa Méndez veñen de presentar o libro #HolaGuerrera, sobre a necesidade dunha revolución feminista, após obter viralidade coa súa canle de Youtube. A súa presenza na Galiza débese á súa participación nun seminario de formación do profesorado en materia de igualdade en Lugo e nun programa de educación en igualdade no IES Politécnico de Vigo. Visitarán tamén o CIFP Porta da Auga e o IES Dionisio Gamallo, en Ribadeo.

 

O colectivo feminista prepara así o camiño de cara ás mobilizacións do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, no país e comarca. Baixo a marca Galegas8M, decenas de asociacións está a “tecer rede” a fin de  “repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal”.